BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, acompañou á conselleira de Mar, Rosa Quintana, que ás seis desta mañá presenciou na lonxa de Burela unha subasta de bonito. O rexedor burelés explicou que “asistimos e participamos con ela nunha subasta interesantísima de peixe na lonxa de Burela, sobre todo bonito, xa que había unha boa descarga. E puidemos ver como o bonito segue sendo unha especie moi valorada en Burela, séguese pagando ben e hai boas capturas, aspecto que é moi positivo para a nosa xente, os traballadores do mar e para todo o pobo”.
Llano afirmou que “falamos con ela de moitas cuestións, unha delas é a importancia que ten para nós o porto, intentamos que se diversifique para temas comerciais, deportivos e pesqueiros e que teña unha potencialidade cada vez máis grande. Recibiu con bó agrado as solicitudes que se lle fixeron dende a Cofradía e dende a propia a alcaldía”. O alcalde lembróulle á responsable autonómica de Mar “a importancia que ten o acceso ó porto, que hai que tratar de culminar esa obra o antes posible, xa que é algo que vai beneficiar ó conxunto do porto pero tamén ó resto do pobo. Consideramos que canto antes comecen de novo as obras será moito mellor para todos. Creo que anotou todo o que se lle solicitou e que agora está nas suas mans atendelas. É positivo que veñan por aquí visitas deste tipo porque é moi importante para o pobo e agardo que se repitan e que sexan moi fructíferas e moi boas para Burela”.
REFERENCIA DA ÁREA DE PESCA DA CONSELLERÍA DE MAR DA XUNTA DE GALICIA
A Consellería do Mar amplia o seu compromiso coa campaña do bonito
Rosa Quintana aproveitou a visita ás confrarías da Mariña para asistir á poxa de bonito e o Gran Sol na lonxa de Burela
Os prezos no mes de xullo subiron un 34,6% respecto ao mesmo periodo do ano anterior
A Conselleria do Mar recupera a etiquetaxe que garante que o túnido foi capturado de xeito artesanal pola frota galega
A Consellería do Mar amplia o seu compromiso coa campaña do bonito
Santiago, 13 de agosto de 2009.- Na rolda de visitas que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, está a levar a cabo por todas as confrarías de Galicia, aproveitou para visitar a lonxa de Burela, principal punto de descarga de bonito de Galicia, onde asistiu á poxa do túnido e a do Gran Sol. A responsable do departamento de Mar estivo acompañada na súa visita polo director xeral de Ordenación dos Recursos Mariños, Pablo Fernández; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; a delegada provincial de Lugo, Raquel Arias e o xefe territorial de Lugo, Vidal Martínez-Sierra.
A conselleira felicitou aos armadores e produtores por unha campaña que está a ser “moi boa tanto en prezos coma en capturas” xa que se produciu un aumento respecto ao ano pasado. O prezo medio do quilogramo de bonito en xullo do ano pasado estivo en 2,6 euros fronte aos 3,5 euros que acadou este ano. Na xornada de hoxe, o prezo acadou prezos históricos para o mes de agosto superando os 6 euros por quilogramo.
Para potenciar o consumo deste túnido, a Consellería do Mar está a impulsar a campaña Faino Bonito dirixida principalmente á potenciación do produto nos puntos de venda, especialmente, grandes superficies. Tamén recuperou a etiquetaxe verde, paralizada o último ano, e que consiste nunha identificación individual de cada peza de bonito que lle permite aos consumidores distinguir o túnido capturado de xeito artesanal e selectivo pola frota galega. A arte que se emprega é o curricán, un sistema de pesca que non lle afecta ao resto das especies polo que resulta respectuosa co medioambiente.
A campaña, que foi demandada polos produtores e os comercializadores para dar máis rendabilidade á pesquería, ten por obxeto garantir a procedencia de cada exemplar desde a súa captura ata a chegada ao consumidor, de forma que coñeza as propiedades de cada peixe no momento da súa adquisición.
Compromisos confrarías
Rosa Quintana continuou logo atendendo as demandas das confrarías e comprometeuse a estudar a posibilidade de buscar a mellor ubicación para ampliar o porto de San Ciprián, respostando así unha vella reividicación veciñal. A conselleira asegurou que “dende a Consellería do Mar hai vontade de levar este proxecto adiante, e por iso imos buscar a mellor solución, tanto para dar abrigo aos barcos profesionais como para a náutica-deportiva”.
Con respecto ás visitas que efectuou na tarde de onte, a conselleria deu a súa palabra de estudar a viabilidade da instalación dunha minidepuradora para facilitar e mellorar a comercialización dos moluscos nas zonas de Espasante, Cariño e O Barqueiro.