Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros lamenta que a Garda Civil poña multas nas praias

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, lamenta o inicio dunha campaña de multas por parte da Garda Civil de Tráfico a vehículos estacionados na estrada das praias, que é titularidade da Deputación. O rexedor contou que “onte en Barreiros produciuse unha situación de denuncias masivas por parte da Garda Civil de Tráfico e dos axentes do posto de Barreiros que veñen motivadas porque os vehículos, a pesares de que o Concello ten contratados unha serie de aparcamentos para que estacionen fora da vía pública, ás veces aparcan nos dous lados da estrada impedindo circular con normalidade pola zona. Tamén se deron casos de denuncias de persoas que aparcaron os seus coches nas zonas restrinxidas para minusválidos”.

Fuente Parga di que “evidentemente hai que entender que cando se infrinxe a norma pasa o que pasa, porque a norma está aí para ser respectada. Estamos a falar dunha estrada da Deputación e por outro lado estaba a Garda Civil actuando ó non ter policía local Barreiros, e eles reciben ordes da Subdelegación do Goberno para facer o seu traballo. O que boto en falta e o que sí lamento é o que se viña facendo co anterior subdelegado no que se convocaba ó alcalde de Barreiros, a pesares de non ter policía local, ás xuntas de seguridade que se celebraban en Foz ou en Ribadeo para analizar estes temas e ver a posibilidade de solucionalos”. O alcalde de Barreiros engade que “parece ser que aquí nin o novo subdelegado nin o presidente da Deputación deciden chamar ó alcalde para solucionar este problema e tentan solucionalo pola vía da denuncia, e antes da vía da denuncia nós o que estamos a facer desde o Concello en moitos casos é sinalizar ou advertir de que non se aparque en zonas prohibidas antes de iniciar este tipo de denuncias. E onte xurdiu esta situación de denuncias masivas e todo esto se pode evitar si con quen ten a responsabilidade dentro do Concello se fala e se tenta darlle unha solución, e senón suficientes os aparcamentos que temos pois alugaremos máis, pero esto sempre habería que facelo antes de iniciar esta ronda de denuncias desproporcionada”.

Exit mobile version