BURELA .- A concelleira Benestar Social, Xuventude e Deportes, Neves Cando, agora que xa están a punto de rematar as actividades de verán que organizaron os seus departamentos, fai “un balance que é moi positivo polo grao de participación e aceptación que tiveron entre o público máis novo. Hoxe venres rematan as actividades deportivas que se estiveron a desenvolver na praza do Concello ao longo de todas as mañás, patinaxe, aerobic, batuka, xogos tradicionais e predeportivos, onde participaron unha media de 20 ou 25 nenos en cada una delas”.
A edil nacionalista segue a relatar que “a vindeira semana concluirá o obradoiro de macramé que se viña desenvolvendo na Casa da Xuventude os xoves e os venres e que en principio era só para o mes de xullo, pero que tivemos que ampliar ao de agosto dada a aceptación e as gañas que nel puxeron os participantes. Durante dúas horas á semana un grupiño de 10 a 15 nenos e nenas elaboraron diverso material como chaveiros, pulseiras ou cintos, xogando cos fíos e coas bolas de colores”.
Neves Cando suliña que “aínda continuará ata o 11 de setembro a ocioteca que desde as Delegacións de Traballo e Benestar Social puxemos en marcha este verán para posibilitar ás nais e aos pais que traballan a conciliación da vida laboral coa familiar e que nesta época do verán deixa aos nenos libres do curso escolar e á expectativa de actividades lúdico-formativas fora da súa casa. Para nós é unha moi grata satisfacción ver o éxito que ten este espazo de ocio para os máis pequenos e no que 20 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos disfrutan durante toda a mañá de actividades moi diversas onde se misturan o lúdico e o formativo para encarar temas como a saúde, o medio ambiente, a creación artística…”.
E xa concluindo o mes de agosto “as actividades para os máis pequenos aínda seguen e hoxe venres ás sete da tarde hai unha cita co circo na praza da Mariña e os vindeiros 28 de agosto e 11 de setembro rematamos con outras dúas mostras máis de actividades para os máis pequenos na praza da Mariña antes de que comence o curso escolar”, explica Neves Cando.