Dourado sinalou que “é realmente interesante e sorprendente, que de súpeto se abran as portas de algo que é difícil de dixerir nunha zona así como é esta de praias, que se produza tanta afluencia de persoas. Son persoas que están pasando aquí as vacacións. Xente de diversos lugares que oíu ou viu algo sobre min e a sorpresa é maiúscula tanto pola miña parte como pola deles, xa que non se esperan encontrar nun espazo así tan persoal toda esa amalgama de creación artística e paisaxística. É realmente sorprendente”.
No mes de xullo, Eido Dourado ampliou o horario debido á grande afluencia de xente que por alí pasaba e cara o mes de agosto foi unha hora e media a que se engadiu ao horario inicial de apertura. Incluso os luns, que é o día que pecha para facer labores de limpeza e mantemento, pode verse a xente acudir ata alí, o que pon de manifesto o éxito que está tendo esta iniciativa.
Apoio institucional
Celso Dourado, está moi satisfeito dos resultados obtidos pero maniféstase descontento coa pouca ou ningunha axuda que recibe das autoridades políticas e explicou que “o primeiro día, o día da inauguración viñeron a facer a foto e despois desapareceron. Todo isto está financiado con recursos propios e todo está soportado por min. Respecto ás autoridades é lamentable que non movan nin sequera un dedo e veñan a visitalo para dicirme como vai todo isto, como se pode enfocar, como se pode apoiar… prefiren dalgunha maneira axudar ás mil e unha festas que traen orquestras multimillonarias e dar aí uns cartos en lugar de apoiar iniciativas culturais. Pero ben, non me colle por sorpresa, son consciente de que as autoridades políticas dan o que dan e realmente non acceden porque non lles interesa a cultura, é triste dicilo pero é verdade. Tampouco me espero nada das autoridades, é a verdade”.
Estatuiña dos Goya
Ademais, Celso Dourado comentou que recibe moi gratamente a moitos personaxes famosos e que a última visita de alguén coñecido foi esta fin de semana, xa que estivo alí José Luis Fernández, un escultor asturianos afincado e coñecido sobre todo en Madrid, e aínda se cadra máis coñecido por ser o creador da estatuiña dos premios Goya.