O VALADOURO .- O delegado de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, e ao alcalde de O Valadouro, Eulogio Fernández Sampayo, asinaron un convenio regulador que rexerá as obras de instalación dun campo de fútbol-7 no recinto deportivo O Árbol. As obras de acondicionamento do espazo deportivo ascenden a 130.000 euros.
Nota de Prensa
A ÁREA DE DEPORTE DA DEPUTACIÓN SUBVENCIONARÁ A INSTALACIÓN DUN CAMPO DE FÚTBOL 7 NO VALADOURO
LUGO, 21 de agosto de 2009. O delegado da Área de Deporte, Antonio Veiga, e ao alcalde do Concello do Valadouro, Eulogio Fernández Sampayo asinaron este mércores o convenio regulador que rexerá as obras de instalación dun campo de fútbol-7 no recinto deportivo O Árbol situado no polígono industrial da vila. No acto tamén estiveron presentes o vogal e mais o secretario da Sociedade Deportiva O Valadouro, Rafael Rodríguez e Juan Fernández, respectivamente, e o voceiro do BNG, Ramón Rouco Fernández entre outras autoridades. Logo da sinatura do convenio o delegado da Área de Deporte da Deputación e mais o alcalde da localidade visitaron, acompañados polos membros do club e varios dos voceiros dos partidos políticos con representación no Concello do Valadouro, as instalacións do recinto deportivo no que se levarán a cabo as obras.
Tal e como salientou Antonio Veiga, a Deputación de Lugo, a través da Área de Deporte, subvencionará o 62% do custe total das obras de acondicionamento do espazo deportivo que ascenden a 130.000 euros. O 38% restante, un total de 50.000 euros, correrán a cargo do concello mariñao. Logo disto, o nacionalista resaltou que a instalación deste campo de fútbol-7 responde ás demandas expostas en varias ocasións pola Sociedade Deportiva Valadouro e o propio concello en prol da creación dun novo campo que lle permitise ao club dispor dun lugar no que realizar os seus adestramentos ao longo de todo o ano. Deste xeito, este novo espazo deportivo habilitarase nas inmediacións do campo municipal do Árbol situado a carón do polígono industrial da localidade. Tal e como comentou o delegado da Área de Cultura e Deporte este proxecto enmárcase na liña de colaboración aberta con todos os concellos das distintas comarcas para dotar ou mellorar as instalacións deportivas existentes ao longo da xeografía lucense.