BURELA (FNC) .- Burela estará presente na 38 Semana Internacional da Horta e do Mar que se celebrará do 14 ó 22 de agosto en Los Alcázares (Murcia). O rexedor , Alfredo Llano, envióulle unha carta á alcaldesa, Encarnación Gil, agradecéndolle a invitación a este evento no que a gastronomía e o folklore serán os protagonistas. De poñer a nota musical e folklórica o 21 de agosto encargarase a Sociedade Cultural Ledicia “e alí levaremos tamén material promocional do noso concello. Estamos moi contentos de que nos tivesen en conta para participar nesta importante cita gastronómica e cultural de Los Alcázares, na rexión de Murcia”, segundo Llano. A Semana Internacional da Horta e do Mar foi declarada hai anos festa de interés turístico rexional.
Convenio con Caixanova
Llano tamén asinou esta mañá un convenio de colaboración con Caixanova para a realización de actividades culturais en Burela. “A primeira xa pasou e reuniu a moitísima xente hai tan só uns días, que foi a actuación da Orquesta Sinfónica de Acordeóns de Bilbao, e a seguinte será unha exposición de pintura na que a luz será o fío conductor. Estará en Burela do 23 de decembro ao 15 de xaneiro de 2010”, relatou o alcalde. Alfredo Llano asegurou que “é a nosa intención seguir colaborando para traer máis cultura ó noso concello”.