Nota de Prensa
A deputada popular Emma Álvarez Chao replica ás críticas de Antonio Veiga, dirixente comarcal nacionalista
O BNG NON ESTÁ EN CONDICIÓNS DE INCHAR PEITO CANDO FALA DO KLAUS
* Os populares subliñan que os xestores nacionalistas de Medio Rural abandonaron o Goberno sen un plan de retirada da madeira derrubada polo Klaus.
A Mariña, 26 de agosto de 2009.- A deputada do Partido Popular de Galicia, Emma Álvarez Chao, saíu ao paso das declaracións realizadas por Antonio Veiga, responsable comarcal do BNG respecto da esixencia a Medio Rural da retirada da madeira tirada polo ciclón Klaus. Segundo a dirixente popular “os nacionalistas non están en condicións de inchar peito posto que deixaron a súa responsabilidade de Goberno na Xunta sen un plan de acción co respaldo orzamentario necesario para facer fronte aos acordos acadados na Mesa da Madeira no pasado mes de febreiro.
A deputada popular afonda nesta cuestión e explica que, na actualidade lévanse retirados 23.000 metros cúbicos de madeira –o que representa 43.000 actas- o que supón máis dun 10% do total da madeira que debe ser retirada en toda Galicia. A Xunta está a desenvolver un gran esforzo neste sentido tendo en conta que non existe unha partida orzamentaria para este fin, nin cantidades consignadas para emerxencias deste tipo. Estímase que a mediados do vindeiro mes de setembro esta retirada máis da metade da madeira derrubada.
Finalmente Álvarez Chao asegura que os nacionalistas deberan ter máis cautela á hora de realizar afirmacións como que o PP non é de fiar xa que a experiencia demostra que dos que non nos podemos fiar é deles, porque tras a derrota electoral preocupáronse máis en cortar cabezas e botarse a culpa entre eles que en amañar a desfeita do Klaus.