RIBADEO (FNC) .- Onte quedaron definitivamente aprobados os orzamentos municipais de Ribadeo para o 2009. Fernando Suárez destaca a importancia de sacalos adiante e critica a actitude mantida por PSOE e UPRI que o único que pretenden é bloquear todo o que proxecta facer o goberno municipal.O alcalde de Ribadeo relatou que “neste pleno extraordinario de onte, eu creo que o máis importante sobre todo para os veciños de Ribadeo é que os presupostos municipais de 2009 están definitivamente aprobados, dado que había tres reclamacións que foron desestimadas por 8 votos a favor do pleno. Ditas reclamacións contaban con informe desfavorable de Intervención municipal, dado que non era procedente a súa estimación”.
O rexedor segue a contar que “das tres alegacións houbo unha que foi moi debatida por todos os grupos políticos, singularmente polos da oposición que fixeron especial fincapé neso. Trátase dunha bolsa de diñeiro contemplada no presuposto para o convenio e para o reparto, segundo eles, entre unha serie de xente que cobra menos do que debe no Concello de Ribadeo. Nós sempre mantivemos a opción de, a través da RPT, facer un reparto xusto e equitativo, e aos grupos eso non lles vale e se mostraron moi belixerantes. Nós ao estar en minoría vímonos na obriga de aceptar unha proposta do PP para que antes do 31 de decembro deste ano cheguemos a un acordo cos sindicatos para repartir este diñeiro entre aquela xente que se sinta máis agraviada. É un tanto difícil saber que xente se sinte máis agraviada, pero aceptamos o compromiso”. A Fernando Suárez resúltalle rechamante que “como alcalde convidei a todos os grupos da Corporación a que estiveran con nosoutros neste tema para entre todos designar ás persoas que están inxustamente remuneradas e por parte de todos os grupos da oposición rexeitaron esa oferta, polo que supoño que confiarán na capacidade do alcalde para chegar a acordos. En todo caso aceptamos e levaremos adiante este compromiso para desbloquear o asunto das retribucións a parte do persoal deste Concello”.
Pasos cara atrás
O alcalde ribadense tivo unha mención singular para “a actitude cada vez máis errática, cada vez máis indecisa por parte do grupo municipal do PSOE. Parece ser que aquí non seguen as directrices do presidente do goberno do Estado e máximo dirixente socialista, o Sr.Zapatero, no sentido de facilitar en todos os concellos, nestes tempos de dificultades económicas, que os presupostos poidan saír para adiante. Si aquí hai un mes deron un paso adiante facilitando a aprobación inicial coa súa abstención, agora deron dous para atrás e non levan a bo termo o que hai un mes iniciaron, xa que votaron en contra duns informes de Intervención e votaron a favor de que se estimaran unhas alegacións imposibles de levar adiante”. Fernando Suárez engade que “resulta curiosa esta actitude polo que veciños e votantes lles terán que preguntar a eles. Vese claro que hai uns grupos, PSOE e UPRI, que o único que queren é bloquealo absolutamente todo, seguen a doutrina de canto peor mellor, de que canto máis lle poidan bloquear a este goberno municipal mellor e desde logo a quen amolan con esta actitude é aos administrados, aos veciños e ás veciñas de Ribadeo que neste caso se podían ver privados de ter un presuposto aprobado con todas as posibilidades que eso implica. En todo caso, a pesares das diferencias hai outro tipo de xente que é máis razoable para chegar a acordos, desde logo”.
Suárez Barcia destaca “a importancia de sacar adiante uns presupostos sobre todo polos compromisos de inversión que adquiren, compromisos de ter fondos propios destinados a complementar outras axudas que están acordadas coa Xunta de Galicia, que é o que lles interesa aos veciños, como o núcleo de sostibilidade, o amaño de varias rúas. E non soamente os proxectos de inversión, senón que tamén afecta á actividade cotiá, porque senón hai presupostos non se poderían sacar as subvencións culturais, as subvencións a entidades deportivas, as subvencións de todo tipo. Se un non ten os presupostos aprobados esto non pode funcionar e polo tanto reséntese o funcionamento xeral dun Concello. Xa digo, tivemos nalgún caso que facer cousas que non consideramos que sexan as mellores posibles pero dada a situación, dado que non contamos con maioría, tivemos que aceptar co fin de sacar os presupostos municipais adiante”.