BARREIROS .- O deputado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, acompañou esta tarde ás nenas e nenos de Barreiros nas proxeccións que se realizan na “Caixiña dos Mistos”, actividade posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación dentro do programa “Cultura Aberta nos Concellos”, que vai enchendo de actividades culturais os concellos de todas as comarcas lucenses.
Nota de Prensa
O RESPONSÁBEL DA ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN, ANTONIO VEIGA, ACOMPAÑOU HOXE AOS NENOS E NENAS DE BARREIROS NAS PROXECCIÓNS DA “CAIXIÑA DOS MISTOS”
O nacionalista Veiga puido comprobar como a través destas propostas nenas e nenos conseguen achegarse ao cinema e á cultura audiovisual dun xeito lúdico e divertido para eles
Lugo, 5 de agosto de 2009. O deputado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, acompañou esta tarde ás nenas e nenos de Barreiros nas proxeccións que se realizan na “Caixiña dos Mistos”, actividade posta en marcha pola Área de Cultura da Deputación dentro do programa “Cultura Aberta nos Concellos”, que vai enchendo de actividades culturais os concellos de todas as comarcas lucenses.
Antonio Veiga destacou a importancia de poñer en marcha actividades deste tipo para lograr que nenas e nenos se vaian achegando á cultura audiovisual sen que para eles sexa un trauma, senón de xeito lúdico e moi ameno. Non pasou desapercibida en Barreiros a caravana chamada “A Caixiña dos Mistos”, especie de sala de cine ambulante na que se proxectaron 14 curtas distribuídas pola produtora Mr Misto Films. O acceso ao interior do vehículo realizouse en grupos de 12 persoas. Os pais e nais tamén acompañaron en todo momento aos máis novos nesta experiencia visual. Para facer máis amena a espera, o resto dos rapaces e rapazas que agardaban a súa quenda para visitar o interior da caravana optaron por botar man dos numerosos pasatempos e recortables que o persoal da Caixa dos Mistos puxo ao seu dispor.
Esta actividade, “A Caixiña dos Mistos”, vai colleitando éxitos entre os máis novos alá por onde pasa. Mañá xoves estará no Concello da Pontenova e situarase no contorno da piscina, onde agardará a presenza de todos e todas aquelas rapazas que se queiran achegar a pasar un anaco divertido entre pequenas proxeccións de cinema.