Site icon Crónica3.com A Mariña

A UPD do “Pacto territorial de emprego” da Mariña publicou a web updmarina.org

A MARIÑA .- A Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) do Pacto Territorial de Emprego da Mariña publicou unha web no sitio http://www.updmarina.org dende onde se poden consultar e descargar os diferentes traballos e estudos realizados polo equipo técnico da UPD.

Nota de Prensa
A Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) do Pacto Territorial de Emprego da Mariña infórmalles da posta en marcha dunha web/blog onde se poderán consultar e descargar os diferentes traballos e estudos realizados polo equipo técnico desta UPD. A dirección desta páxina é a seguinte: http://www.updmarina.org

Este espazo será o lugar que o equipo da UPD utilizará para facer públicos os seus diferentes estudos sobre o territorio que comprende o Pacto Territorial de Emprego da Mariña, que como recordarmos, abrangue os concellos de: Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Xove, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Burela. Forman tamén parte do Pacto Territorial de Emprego da Mariña os sindicatos CCOO e UGT, a Confederación de Empresarios de Galicia e o departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de emprego. Son cinco os estudos que se poden consultar e descargar a día de hoxe na nosa web/blog: Análise inicial do territorio; Territorio e poboación; Recursos e formación; Mercado laboral; Tecido empresarial.

Na páxina web da UPD poderase ter acceso tamén a todo tipo de información sobre os Pactos Territoriais de Emprego: qué son, cales son os seus órganos de goberno e de funcionamento, a normativa pola que rixen, etc. Asímesmo existe tamén amplia información sobre qué son as Unidades de Promoción e Desenvolvemento, cales son as súas funcións principais, e en particular, qué papel xogan dentro dos obxectivos a cumplir polos Pactos Territoriais de Emprego. Particularizando aínda máis, na web/blog poderase atopar información concreta sobre a UPD do Pacto Territorial de Emprego da Mariña: situación das súas oficinas, contacto (teléfono, FAX, e-mail), equipo técnico que a conforma, etc.

Outro apartado destacado deste espazo web, é o relativo os informes do Observatorio do Paro que desde o pasado mes de Xullo está a elaborar e a distribuir entre os medios de comunicación o equipo desta UPD. Informes de carácter mensual, onde se analiza o comportamento do paro rexistrado no territorio do Pacto, en Lugo e en Galicia, prestando especial atención ao sexo e a idade dos parados así como tamén a actividade económica principal onde o paro se concentra. Informes que tamén reservan un apartado especial para examinar o comportamento do paro en cada un dos concellos que forman parte do Pacto. Como apuntabamos, na web poderanse consultar e descargar os informes completos do Observatorio correspondentes a cada un dos meses do ano en curso 2009. A día de hoxe están dispoñibles os informes desde Xaneiro ata Xullo ambos inclusive.

Aínda que a primeiros de cada mes colgaremos na web o informe relativo ao mes anterior, indícolles que entre os medios de comunicación continuaremos a distribuir un resumo dos principais datos incluidos no mesmo así como tamén unha ligazón web onde se poderá descargar o informe completo.

Outro dos apartados da páxina web da UPD que resultan de interese, é o relativo á formación e os recursos do territorio. Aquí trataremos de dar información actualizada sobre os diferentes recursos que en materia de emprego existen no territorio do Pacto (localización das oficinas de emprego; dos técnicos, ADLs e orientadores laborais, etc.) así como tamén todo o relativo á oferta formativa existente dentro do ámbito de influenza do mesmo (centros de formación secundaria, centros de formación profesional, ciclos formativos, cursos de formación profesional dirixidos a desempregados e ocupados, etc.). Moita desta información está recollida en algún dos estudos realizados polo equipo da UPD aos que antes faciamos mención. Sen embargo queremos recopilala neste apartado da web có obxectivo de que a súa consulta sexa máis rápida e sinxela. Na actualidade, este espazo dedicado a formación e a os recursos existentes no territorio do Pacto está en obras. Esperamos que nas vindeiras semanas podamos ter actualizado o mesmo e poder ofrecer a información sinalada.

Por último, fixemos tamén un apartado especial que chamamos “Revista de prensa,” onde fomos colgando ligazóns ás diferentes novas publicadas polos medios de comunicación dixitais con difusión no territorio, relativas a labor do equipo desta UPD así como tamén referidas ao funcionamento dos Pactos. Únicamente dispoñemos de novas publicadas por dous diarios e por esa razón prégolles disculpen a falta de referencia a outros medios de comunicación. ( . . . ) .

E xa para concluir, sinalámoslles tamén que trataremos pouco a pouco de ir enchendo de contidos esta web/blog con outro tipo de novas, traballos e en xeral todo tipo de información relacionada ca mellora e a promoción do emprego no territorio.

Exit mobile version