NOTA DE PRENSA
A Deputación dotará con marquesinas a rede viaria provincial e diversos espazos públicos
– A Xunta de Goberno aprobou un presuposto de 235.000 euros para unha primeira fase de adquisición deste mobiliario urbano
– Gato destaca que “estas marquesinas estarán construídas en madeira e serán respetuosas co medio ambiente”
– O Goberno provincial adxudica a contratación de dous servizos sobre biomasa e turismo medioambiental dentro do LugO2
A Deputación dotará con marquesinas a rede viaria provincial así como diversos espazos públicos, segundo anunciou o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato. A Xunta de Goberno deste venres, presidida polo máximo responsable provincial, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou as cláusulas administrativas para a subministración deste mobiliario urbano así como un presuposto de 235.625 euros. Antonio Gato apuntou que “esta é unha cantidade importante para comezar que será ampliada en fases posteriores”.
Segundo avanzou o voceiro socialista, “as marquesinas estarán construídas nun material nobre como é a madeira. Serán artesanais, respetuosas co medio ambeinte e estarán perfectamente integradas nos espazos públicos de carácter patrimonial”. Gato Soengas dixo que “ademais da rede viaria provincial, dotaremos con este mobiliario aqueles espazos públicos que se considere convinte en función das necesidades dos veciños”.
Biomasa e turismo medioambiental
A Xunta de Goberno tamén adxudicou provisionalmente dous novos servizos dentro do ámbito do LugO2: por unha banda, a redacción do proxecto de análise de dispoñibilidade, extracción, transporte e distribución da biomasa e, por outra, as actuacións orientadas á profesionalización do turismo rural medioambiental. As dúas adxudicacións suman un total de 287.100 euros.
Con respecto ó servizo relacionado coa biomasa, Gato Soengas afirmou que “partimos da base de que os residuos xerados na limpieza, poda ou corte dos montes poden ser empregados para usos enerxéticos e para crear combustibles. Desta forma, non só se diminúe o risco de pragas e de incendios, senón que estamos impulsando a economía da provincia, xa que os combustibles que se xeren poderán ser logo comercializados”. Para a súa posta en marcha, elaboraranse proxectos que analizarán de forma específica a extracción, transporte e distribución da biomasa forestal co obxectivo de levar a cabo experiencias piloto de recollida, preparación e transporte da biomasa en diversos Concellos da área de actuación do Lug02.
Polo que se refire ás actuacións orientadas á profesionalización do turismo rural medioambiental, inclúen, entre outras medidas, a elaboración dun estudo da oferta de turismo dos Concellos das Reservas e do Courel, así como a realización de cursos de aproveitamento turístico para os responsables dos establecementos de turismo rural, fomentando o uso das novas tecnoloxías. “O obxectivo é contribuír de maneira decisiva á creación de 20 empresas relacionadas co medio ambiente e o turismo”, dixo Antonio Gato.
Xestión integral e informatizada
Tamén se acordou a implantación da xestión integral e descentralizada do patrimonio da Deputación. “Vaise sistematizar e informatizar toda a xestión relacionada co patrimonio. Poderán incorporarse requerimentos desde os diferentes servizos relacionados coa xestións de bens e dereitos provinciais”. O presuposto previsto é de 98.500 euros.
Outro dos asuntos aprobados foi a adxudicación provisional das obras de construción dun edificio de servizos na área fluvial de Teiguín, no Concello de Samos. O edificio será de pranta baixa e incluirá zonas destinadas a vestiarios, primeiros auxilios, almacén e limpeza. “Agora os veciños desta localidade, e tamén os da bisbarra, entre os que se atopan os de Sarria, poderán disfrutar dun contorno medioambiental excepcional”. O investimento será de 199.950 euros e o prazo de execución de 2 meses.
Por último, a Xunta de Goberno aprobou 35 contas xustificatvas de Plans de Comunidades dos anos 2005, 2006, 2007, e 2008. As obras suman un presuposto de 454.462 euros, dos que a Deputación achegou 302.123.