CERVO .- A corporación municipal de Cervo tratrá en pleno a aprobación do anteproxecto das obras de construción dos colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais (EDAR) que dará servizo aos núcleos de poboación de Cervo e Figueirido. Esta nova infraestrutura ten un orzamento de execución estimado en 1.752.744 euros.
Nota de Prensa
Esta nova dotación dará servizo aos núcleos de Cervo e Figueirido
O CONCELLO CEDERÁ OS TERREOS PARA A CONSTRUCIÓN DA DEPURADORA DE CERVO
A EDAR ten un custe de 1,7 millóns de euros que serán sufragados por Augas de Galicia.
Terá capacidade para tratar os residuos de 1.500 habitantes, un 38,5% máis da actual poboación beneficiaria.
Cervo, 14 de agosto de 2009- A corporación municipal do Concello de Cervo abordará o vindeiro luns, día 17, a aprobación do anteproxecto das obras de construción dos colectores xerais e da estación depuradora de augas residuais (EDAR) que dará servizo aos núcleos de poboación de Cervo e Figueirido. Esta nova infraestrutura ten un orzamento de execución estimado en 1.752.744 euros que serán subvencionados na súa totalidade polo ente público Augas de Galicia. Pola súa parte, o Concello de Cervo comprométese a ceder os terreos necesarios para levar adiante a execución desta obra.
A nova EDAR de Cervo está proxectada para poder dar servizo a unha poboación futura de 1.500 habitantes (na actualidade son 923 os habitantes que se verán beneficiados con esta nova depuradora). Terá unha superficie en planta de 1.461 metros cadrados e contará cos máis modernos avances en canto ao tratamento de augas residuais. Segundo a memoria técnica do anteproxecto, a EDAR de Cervo terá unha capacidade media de tratamento de augas residuais de 309 metros cúbicos ao día e poderá depurar ata 36,69 metros cúbicos á hora de caudal punta.
O rexedor cervense lembrou que esta obra era unha infraestrutura moi demandada polos veciños de Cervo e de Figueirido. “Coidamos que con esta aprobación do anteproxecto podamos ver materializadas dunha vez por todas as nosas reivindicacións de hai anos de poder facer un saneamento integral de todo o municipio” salientou Villares.
Cabe lembrar que a finais do pasado pasado ano o alcalde cervense xa propuxera aos técnicos de Augas de Galicia a construción de dous colectores e unha estación depuradora en troques dunha gran estación de bombeo “e con este proxecto esa petición faise realidade” salientou Villares. Na súa opinión, este proxecto “supón un aforro ao evitarse unha gran estación de bombeo; ao tempo que conseguimos ter unha visión integral do saneamento dos núcleos que bordean o río Xunco”.