Nota de Prensa
A ÁREA DE DEPORTE DA DEPUTACIÓN DESTINARÁ 80.000 EUROS PARA A INSTALACIÓN DUN CAMPO DE FÚTBOL-7 NO CONCELLO DO VALADOURO
LUGO, 21 de agosto de 2009. O delegado da Área de Cultura e Deporte, Antonio Veiga, informou este venres, no transcurso da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, da aprobación do convenio regulador que rexerá a subvención proposta para as obras de instalación dun campo de fútbol-7 no recinto deportivo O Árbol situado no Concello do Valadouro. Tal e como salientou o nacionalista, a Deputación de Lugo aportará o 62% do custe total das obras de acondicionamento do espazo deportivo que ascenden a 130.000 euros. O 38% restante, un total de 50.000 euros, correrán a cargo do concello mariñao.
Na súa intervención, Antonio Veiga resaltou que a instalación deste campo de fútbol-7 responde ás demandas expostas en varias ocasións pola Sociedade Deportiva Valadouro e o propio concello en prol da creación dun novo campo que lle permitise ao club dispor dun lugar no que realizar os seus adestramentos ao longo de todo o ano. Deste xeito, este novo espazo deportivo habilitarase nas inmediacións do campo municipal do Árbol situado a carón do polígono industrial da vila. Tal e como comentou o delegado da Área de Cultura e Deporte este proxecto enmárcase na liña de colaboración aberta con todos os concellos das distintas comarcas para dotar ou mellorar as instalacións deportivas existentes ao longo da xeografía lucense.