Nota de Prensa
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NA V FOLIADA DA MARIÑA QUE ORGANZA A ASOCIACIÓN CULTURAL SAÍÑAS DE XOVE
No acto de inauguración, Antonio Veiga salientou o labor desenvolvido pola agrupación en prol do mantemento e consolidación da música e do baile tradicional galego
LUGO, 18 de xullo de 2009. O delegado da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, participou este sábado na inauguración da V Foliada da Mariña que organiza a Asociación Cultural Saíñas. O nacionalista salientou o labor desenvolvido pola agrupación en prol do baile e da música tradicional galega, “un rico patrimonio inmaterial que constitúe unha parte importante da identidade de Galiza”, asegurou. A praza do Concello de Xove acolleu boa parte das actividades programadas pola organización para esta xornada lúdica na que tamén tiveron cabida os xogos tradicionais e un obradoiro musical dirixido aos máis novos.
A primeira das actividades programadas pola Asociación Cultual Saíñas para a última edición da Foliada da Mariña foi o “I Obradoiro: Construción de enredos musicais” da man de Emilio e Lois Blanco. Tamén a media mañá, e xusto antes do xantar popular que tivo lugar, o grupo de gaiteiros da entidade cultural Saíñas fixo un percorrido polas principais rúas da vila deleitando aso veciños e turistas cunha escolma do seu repertorio musical. Xa pola tarde, novos e maiores desfrutaron dos xogos tradicionais e da foliada popular no parque situado a carón do Parque Cívico de Xove. A última hora da noite tivo lugar o concerto de música tradicional galega da man dos grupos “Tanto nos ten” e “Coanhadeira”.
A Asociación Cultural Saíñas nace en 1982 coas arelas de fomentar o deporte e a cultural tradicional de Galiza no Concello de Xove. Na actualidade a agrupación conta con máis de setenta integrantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 40 anos, que acoden con periodicidade ás clases de baile, canto, percusión e gaita que se imparten na súa sede. Con todo, Saíñas está composta por catro grupos de baile tradicional (Saíñas, Faíscas, Ñáñaras e o grupo de adultos), un grupo de cantareiras, o grupo de gaiteiros Saíñas e o cuarteto de música tradicional do mesmo nome. Ao longo do ano, a asociación desenvolve, co apoio dos veciños da Comarca da Mariña e de institucións coma a Deputación de Lugo (a través da Área de Cultura e Deporte), ademais da Foliada da Mariña, o Festival de San Bartolo que este mes de agosto acadará a súa 26 edición.