Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornadas de Verán sobre o Marqués de Sargadelos en Cervo os días 13, 14 e 15 de xullo

CERVO .- O Alcalde de Cervo, Alfonso Villares xunto coa concelleira de Cultura e Xuventude, Chelo Gallego participaron no día de hoxe na presentación das Xornadas de Verán que, sobre a vida e obra de Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, terán lugar os días 13, 14 e 15 de xullo, nas distintas localidades irmandadas pola conmemoración do Bicentenario da súa morte.

O día 13 as Xornadas de Verán terán lugar no concello asturiano de Santa Eulalia de Ocos, o 14 achegaranse ata Sargadelos, no termo municipal de Cervo, e finalizarán o día 15 de xullo en Ribadeo.

Esta actividade, promovida polo Consello da Cultura de Galicia, estará dirixida polo catedrático de historia moderna da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Pegerto Saavedra quen convidou a un gran número de expertos para que falen de aspectos inéditos sobre e vida e obra do Marqués de Sargadelos e sobre a súa relevancia como persoeiro histórico. Os participantes poderán obter créditos de libre configuración nas tres universidades galegas e, para facilitar a súa estancia, poderán dispoñer dun albergue totalmente gratuíto.

A edil de Cultura invitou a todos os veciños, mozos e non tan mozos, a achegarse ata estas Xornadas porque serán moi proveitosas para todos aqueles que queiran aprender un pouco máis dunha figura que tivo e ten moito que ver co noso pobo: Antonio Raimundo Ibañez, Marqués de Sargadelos. Poderán obter máis información no teléfono 982 55 77 77 ou nas dependencias municipais onde hai un díptico informativo sobre estas xornadas.

Exit mobile version