Nota de Prensa
O BNG DEMANDA A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN QUE O CONCELLO LLE SOLICITE A FOMENTO A SINALIZACIÓN DAS PRAIAS DE BARREIROS NOS ACCESOS AO CONCELLO DESDE A AUTOVÍA DO CANTÁBRICO.
Barreiros, 18 de xullo de 2009. O BNG ven de presentar unha moción no Concello para demandar a sinalización das praias de Barreiros na autovía A-8. Os nacionalistas aseguran que “as nosas praias representan un importante reclamo turístico para o noso concello, ao tempo que constitúen un importante recurso económico para Barreiros. Coa futura apertura de todos os tramos da autovía do Cantábrico, o número de potenciais visitantes vaise ver incrementado, polo que sería convinte e preciso que o conxunto das nosas praias estivera debidamente sinalizado ao longo da A-8 e nos dous sentidos de circulación antes das saídas que dan acceso a Barreiros”.
O grupo municipal do BNG entende que “Barreiros pola singularidade e importancia das súas praias debe contar con sinais únicos e diferenciados doutros referidos a outras praias da zona que xa están sinalizados. Estes sinais deberán indicar PRAIAS DE BARREIROS, o que daría testemuña da importancia dos nosos areais, unificándoos a todos baixo un nome de referencia”.
O BNG propónlle ao pleno da Corporación “dirixirse á Demarcación de Estradas do Estado en Galiza, dependente do Ministerio de Fomento para solicitarlle a sinalización de PRAIAS DE BARREIROS na autovía A- 8, antes das saídas a Barreiros e nos dous sentidos de circulación”.