BURELA (FNC) .- A responsable da Delegación de Medio Ambiente e Educación do Concello de Burela, Lucía Bouza, anunciou que mañá ás 13.30 da tarde terá lugar no salón de plenos a entrega de diplomas do curso de condución eficiente que se levou a cabo hai uns meses coa colaboración de Sotavento.
Lucía Bouza explicou que se entregarán un total de 61 diplomas e amósase satisfeita porque “isto significa que hai unhas 61 persoas en Burela que saben conducir de maneira eficiente, ó que se engade unha redución de combustible e de emisións de CO2 á atmosfera”. A edil socialista engadiu que “dado o éxito destes cursos gratuítos e a satisfacción da xente polo aprendido, intentaremos realizar máis convocatorias ó longo do ano”.
Por outra banda, Lucía Bouza, como responsable de Educación, sinalou que mañá rematará o seminario de vento da Escola de Música que tivo lugar durante toda a semana cun concerto no que participarán os 25 alumnos. Será na Praza da Mariña ás 12.30 horas. A concelleira sinalou que “a participación foi moi alta, a pesares de que os rapaces acababan de rematar o curso escolar e decidiron seguir”.