RIBADEO (FNC) .- . A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra presentou esta mañá o programa para a nova edición do Festival On&Off que se celebrará a finais da vindeira semana no entorno do concello de Ribadeo.
A edil nacionalista explicou que “como ven sendo habitual ao longo de todos os veráns imos contar cunha nova edición do Festival On&Off, neste caso, este ano cambia de denominación e pasa a chamarse Festivalón porque é diferente ao que foi outros anos, substancialmente mantense o formato do festival pero está encauzado doutra maneira. Este certame vaise desenvolver no noso concello e arredores os días 30 e 31 de xullo e 1 de agosto. Durante todos eses días a xente vai poder disfrutar das proxeccións de 500 curtas galegas, do estado español e tamén estranxeiras. Algunhas delas proxectaranse no Cine Teatro durante todo o día dende as 11.00 da maña ata as 21.00 da noite e despois a sesión oficial ou proxeccións ao aire libre terán lugar no Cantón dos Moreno a partir das 11 da noite”.
Mariluz Álvarez contou que “tamén haberá as rodaxes A toda mecha, curtas onde se pretende que Ribadeo e a súa xente se involucre. Vanse grabar tres curtas eses días na nosa vila e no entorno rural, porque se pretende que canta máis xente participe mellor”. A responsable de Cultura engadiu que “todo isto se vai ver completado con diferentes actividades paralelas para os nenos, sobre todo cunha actividade excepcional este ano. O sábado día 1, durante todo o día, unha caravana que se denomina a Caixiña de Mistos vai estar no parque de San Francisco para facer proxeccións para os máis pequenos. Terán que acudir a esa caravana, que normalmente está adicada a outros fins como son as vacacións estivais dos nenos cos seus pais, pero ese día vaise converter nunha sala de cine onde van poder gozar. Ao mesmo tempo hai unha ludoteca onde se van facer obradoiros de montaxes de personaxes de curtos e animación con plastilina. A gala de peche, como sempre, na que hai diferentes premios para os que participen nas rodaxes das curtas, vaise celebrar o sábado 1 no Cantón dos Moreno a partir das 10 da noite e rematará cun concerto de jazz”.
A concelleira de Cultura confirmou que “se dará cumprida conta do programa día a día, pero todas as persoas que o desexen poden chamar ao teléfono de Cultura, 982 128 650, ou acudir á páxina web para informarse do programa de cada un deses días”.