NOTA DE PRENSA
O portavoz do PSdeG-PSOE no concello de Lourenzá recoñoce agora que falseou a sinatura do documento de dimisión da súa compañeira de partido e Corporación despois de telo negado desde o primeiro momento
BALSEIRO AFIRMA QUE O CAMBIO DE DISCURSO SOBRE A FALSA DIMISIÓN DUNHA EDIL SOCIALISTA DE LOURENZÁ AMOSA O PROCESO DE DESORGANIZACIÓN INTERNA DO PSOE
* O secretario xeral dos socialistas lucenses queda agora en evidencia despois de atribuír a denuncia pública a unha conspiración do Partido Popular
* Balseiro Orol empraza ao seu homólogo socialista a rectificar publicamente polas súas gravísimas insinuacións contra o PP e a desculparse ante os veciños de Lourenzá polo censurable comportamento do voceiro socialista neste concello.
Santiago, 12 de xullo de 2009.- Para o secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, que o portavoz do PSdeG-PSOE no concello de Lourenzá recoñeza agora que falseou a sinatura do documento de dimisión da súa compañeira de partido e Corporación despois de telo negado desde o primeiro momento, deixa en evidencia a posición mantida desde a dirección provincial socialista que debera realizar unha rectificación pública polas graves insinuacións realizadas contra o PP. Máis en concreto, o secretario xeral dos populares lucenses lembra as declaracións do seu homólogo socialista, Luis Ángel Lago Lage que atribuíu a denuncia pública da edil laurentina á que lle falsearon a súa sinatura da acta de dimisión a unha manobra e conspiración do Partido Popular. “Os feitos demostran agora que estas afirmacións son totalmente falsas e polo tanto esiximos unha rectificación pública do dirixente socialista e que desde esta formación política pidan desculpas aos veciños de Lourenzá polo censurable comportamento do voceiro socialista neste concello”.
Segundo Balseiro Orol o acontecido con esta cuestión pon de relevo a as malas artes que empregan os socialistas cando teñen que enfrontarse ante problemas internos derivados da súa desorganización, así como tamén a falta de escrúpulos políticos dalgún dos seus representantes que en vez de poñerse mans á obra para clarexar o alí acontecido acusa aos demais de provocar uns problemas que só eles contribuíron a xerar. O secretario xeral dos populares lucenses amósase convencido de que a xustiza clarexará o acontecido neste concello, ante o máis que probable suposto de falsificación da sinatura dunha edil pero, polo momento, o que se sabe sen espazo para a menor dúbida é que se trata dun acto responsabilidade exclusiva do PSOE que para agochalo tamén pretende falsear a realidade. Este tipo de comportamentos fan moito dano á dignidade da clase política e á imaxe que ofrece ante os cidadáns.