RIBADEO (FNC) .- Equipo de goberno e partidos da oposición analizaron durante dúas horas e media o proxecto de orzamentos para 2009 e as propostas feitas por todos eles. O edil de Economía e Facenda, Vicente Castro, sinalou que “parte desas propostas foron aceptadas integramente, outras parcialmente e outras máis non tiveron cabida por tratarse dun volume de inversión importante ou porque xa estaban contempladas. Algunhas das propostas son de difícil aceptación, é difícil chegar a un acordo íntegro de aprobación, pero nós desde o grupo de goberno tratamos de aproximar posturas e de reducir gasto corrente, que era a proposta máis xenérica de todos os grupos”.
O concelleiro nacionalista explicou que “hoxe estamos tentando facer a adaptación das propostas estudadas onte para presentar o proxecto definitivo que irá á comisión da vindeira semana. Tratamos de debater dentro dun ambiente cordial, estudando cada caso e tamén aproveitamos para detectar algún erro na elaboración dos orzamentos ou para cambiar partidas de lugar. Tentaremos darlles mañá as modificacións feitas para que as teñan o antes posible de cara á comisión da semana que ven”. Vicente Castro engadiu que “hai axustar e reducir gasto, imos á máxima austeridade posible e eso leva consigo unha redución da inversión que xa vai contemplada noutros plans diferentes que xa están en execución”.
O responsable de Economía e Facenda asegurou que “haberá reducións na partida para a elaboración do PEPRI que está sen confirmar a subvención solicitada. Entre todos analizamos e valoramos a posibilidade de retirar dita partida tanto en ingresos como en gastos que leva consigo unha redución de máis de 100.000 euros nos orzamentos. E o ARI leva tamén unha pequena redución en canto ao programa a realizar”.