ACISA e CCA din estar fartos “dunha situación que se repite ano tras ano, parece que o bo tempo só está no sur, no Levante e nas illas. Hai que dicirlles aos que elaboran esas previsións que en Ribadeo e na costa de Lugo tamén temos días de sol e de calor como puideron comprobar os que xa iniciaron as súas vacacións connosco ao longo desta semana. As temperaturas son máis suaves que noutras zonas de España, pero temos praias preciosas, unha gastronomía exquisita e a hostalería está desexando atender como se merece a quen elixen este municipio e esta comarca para pasar as súas vacacións”.
Comerciantes e hostaleiros piden “o mesmo trato para o norte que o que reciben outras zonas de España. Estes días estamos vendo conexións en directo sobre a calor bochornosa que están sufrindo algúns puntos do país e o martes en Ribadeo á sombra chegamos aos 27 graos de temperatura e ao sol os termómetros superaron os 30. Esa información tamén é noticia non”. As zonas turísticas queremos traballar, pero hai que recordar que o noso forte é o verán e queremos que conten a verdade sobre o tempo. As previsións que nós manexamos fannos pensar en que teremos un bo fin de semana, sen choiva”.
Desde ACISA e CCA enviarán unha carta ás televisións para facerlles chegar as súas queixas e informais do descontento existente entre o sector.