CERVO .- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, pon en marcha o programa Voluntariado en Defensa do Monte Galego en colaboración coa dirección xeral de Montes da consellería do Medio Rural. A través desta acción a cidadanía poderá realizar labores de vixilancia disuasoria, complementaria á exercida por profesionais, en seis zonas da nosa comunidade cun alto índice de risco de incendio.
As convocatorias desenvolverase todas as fins de semana, se a climatoloxía o permite, dende o 11 de xullo ata o 20 de setembro nas comarcas do Barbanza, Baixo Miño, O Carballiño, Terra de Lemos e A Mariña Oriental-Central e A Mariña Occidental-Central. Os interesados en participar poden inscribirse dende o día 6 de xullo chamando ao teléfono gratuíto 900 400 800.
O Voluntariado en Defensa do Monte Galego é un proxecto de educación ambiental multidisciplinar que quere involucrar á sociedade na construcción dun medio rural sostible capaz de xerar riqueza e benestar.
Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado resalta que a función dos voluntarios e voluntarias será sempre complementaria da que van exercer os profesionais. Esta consistirá en realizar un tipo de vixilancia denominada disuasoria, ao tempo que van recibir formación ambiental sobre o terreo.
En concreto, os obxectivos do Voluntariado en Defensa do Monte Galego son facilitar canles de participación e crear espazos de colaboración social; evitar a aparición de incendios forestais mediante a vixilancia disuasoria e formar ambientalmente aos voluntarios e ás voluntarias. Por outra banda, tamén se quere promover a interpretación do noso patrimonio natural, cultural e histórico, así como impulsar as boas prácticas centradas na prevención dos lumes e no aproveitamento multifuncional do monte e divulgar a normativa vixente en materia forestal.
Vixilancia nas catro provincias
As zonas nas que se levarán a cabo as tarefas de vixilancia están coordinadas coa dirección xeral de Montes, tendo en conta o despliegue do servizo de Defensa contra Incendios Forestais e o resto de medios complementarios da campaña. Este ano púxose ademais especial énfase no traballo nas zonas máis afectadas polo fucarán Klaus.
Así, na provincia da Coruña, os voluntarios e voluntarias acudirán á comarca do Barbanza (Boiro, Rianxo, A Pobra do Caramiñal e Ribeira); na de Pontevedra a Baixo Miño (Oia, Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda); en Ourense ao Carballiño (Beariz, O Irixo, Boborás, O Carballiño, San Amaro, Maside, Piñor, San Cristovo de Cea e Punxín). Por útlimo, en Lugo son tres as zonas establecidas: Terra de Lemos (O Saviñao, Bóveda, A Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Pantón e Sober); A Mariña Occidental-Central (O Vicedo, Xove, Cervo, Burela, Alfoz, O Valadouro, Ourol e Viveiro); e A Mariña Oriental-Central (Foz, Barreiros, Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Lourenzá e Mondoñedo).
Todas as persoas interesadas en participar neste programa deben ser maior de idade e apuntarse chamando ao Teléfono Solidario 900 400 800 ou ben informarse a través da web voluntariagalego.org.