SAN CIBRAO .- O Valedor do Pobo admitiu a trámite a queixa presentada pola ANPA do CEIP Rivera Casas de San Cibrao “onde se lle expón que a Consellería de Educación pretende o peche do colexio e a integración dos seus alumnos, 8 para o curso 2009 – 2010, no CEIP de Galdín”. Os representantes dos pais e nais do centro agardan “que o señor conselleiro cumpra a súa palabra, cando o pasado día 15 na entrevista que mantivemos con el en Viveiro, prometeu que nos citaría para escoitar os nosos argumentos antes de tomar calquera decisión.”
Nota de Prensa
O VALEDOR DO POBO ADMITE A TRÁMITE A QUEIXA PRESENTADA POLA ANPA DO CEIP RIVERA CASÁS.
A ANPA do CEIP Rivera Casás, presentou ante o Valedor do pobo unha queixa onde se lle expón que a Consellería de Educación pretende o peche do colexio e a integración dos seus alumnos (68 para o curso 2009 – 2010) no CEIP de Galdín.
Xunto a queixa formulada presentouse dabondosa información, entroutra:
* Integración do CEIP de Galdín no CEIP Rivera Casás para o curso 2003 – 2004, co informe favorabel da Delegación Provincial de Educación (Goberno do Partido Popular). Como é sabido, despois das eleccións municipais do 2003, ao gañar o PP no Concello de Cervo, son máis prioritarios os intereses urbanísticos ca os educativos, paralizándose o proceso de integración previsto.
* Feitos acaecidos a comezos e durante o curso 2005 – 2006 (traslado das matrículas ao CEIP de Galdín de parte do alumnado do CEIP Rivera Casás por mor do seu peche os primeiros días de curso, suspensión por parte do Concello dos servizos de mantemento, paralización das obras de adecentamento, etc.)
* Manifestacións recentes do Director Xeral de Centros e do Conselleiro, onde dan por feito que no vindeiro curso o CEIP Rivera Casás será suprimido.
* Informe realizado polo Servizo de Inspección, onde se valora únicamente o CEIP de Galdín como centro onde se realizará a integración. É de salientar, que no devandito informe reflíctense varias deficiencias ou condicionantes (situación do centro fora do núcleo de poboación, perigosidade das vías de acceso, servizo de comedor por quendas, necesidade de realizar obras e transportar a todo o alumnado)
Admitida a queixa, xunto coa información que lle acompaña, o Valedor do Pobo comunícalle á representante da ANPA mediante escrito de data 14 de xullo e nº de rexistro de saída 5991; que atopa cobertura constitucional ao abeiro do artigo 27 do Dereito á educación. Así mesmo, promove a investigación sumaria e informal ante a Consellería de Educación para o esclarecemento dos feitos e solicítalle informe.
Como consecuencia do expediente aberto polo Valedor do Pobo, é a vista da presunta vulneración da legalidade vixente, a Consellería de Educación debe paralizar inmediatamente o proceso iniciado unilateralmente de supresión do CEIP Rivera Casás. Debe ter en conta a nosa opinión. Como poder público ten o deber de facer efectiva a nosa participación en todo aquelo que atinxa dunha maneira tan trascendente á educación dos nosos fillos.
Agardamos que o Señor Conselleiro cumpra a súa palabra, cando o pasado día 15 na entrevista que mantivemos con él en Viveiro, prometeu que nos citaría para escoitar os nosos argumentos antes de tomar calquera decisión. Queremos pensar que a persoa que ostenta a máxima responsabilidade educativa da nosa comunidade está á altura do cargo que representa.