SANTIAGO .- ‘Gobernamos desde a normalidade, con responsabilidade e para devolver a confianza aos galegos’. Este é o balance do arranque de lexislatura para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, hoxe, compareceu ante os medios de comunicación para valorar os 100 primeiros días de Goberno.
Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que son cinco os principios que marcaron e están a marcar as liñas de acción do novo Executivo galego: unidade, realismo, austeridade, acción e liberdade; ‘principios –dixo- cos que os cidadáns se identifican, se senten representados e se senten cómodos’.
Apoiado nos feitos e nos datos obxectivos, o mandatario galego subliñou, nun primeiro termo, que estes cen primeiros días devolveron a normalidade á Xunta, ‘xa que despois deste tempo –dixo- os galegos saben que na Xunta de Galicia hai un Goberno cuias prioridades son as preocupacións dos cidadáns: a economía, o emprego e a garantía de que percibirán os seus servizos’.
Un único proxecto: segunda modernización de Galicia
Feijóo afirmou que, nesta nova lexislatura, os galegos contan cun Goberno único, unido e cohesionado, cun único referente: ‘saír desta difícil situación en condicións de poder abordar a segunda modernización de Galicia; a da Galicia, Cidade única, conectada por alta velocidade, comunicada pola innovación e a Galicia igualitaria en servizos e oportunidades’.
Amais de que todos os membros do Goberno forman ‘un único Executivo cun único proxecto’, lembrou que a nova Xunta busca, tamén, a unidade con outras administracións: cos concellos de Galicia, ‘a través da reunión coa FEGAMP, na que nos comprometemos a que houbese unha interlocución única con todos os concellos’; coas sete cidades máis importantes de Galicia; e co Goberno de España, ‘cunhas relacións institucionais que, en cen días, pasaron de estar bloqueadas a un período de entendemento e de colaboración’.
Como exemplos do cambio nas relacións co Goberno do Estado, Feijóo lembrou o convenio pactado co Ministerio de Vivenda que beneficiará a 50.000 familias galegas; e o ‘Acordo do Obradoiro’, co que Galicia se asegurou unha inversión real de 4.700 millóns de euros en 18 meses para, por fin, achegar a Alta Velocidade a Galicia; ‘un acordo –matizou- con prazos mínimos e inversións máximas, no que subscribimos un modelo de lealdade e de diálogo produtivo que da carácter contractual e é a folla de ruta para a entrada do tren da Alta velocidade en Galicia e para a interconexión de todas as cidades a través deste medio de transporte’.
Novo modelo de financiamento, obxectivo non cumprido
O presidente da Xunta situou o novo modelo de financiamento autonómico na outra cada da moeda dunhas relacións institucionais, ‘en síntese xeral positivas’.
Neste sentido, lembrou que se ben é certo que nun mes se conseguíu incrementar en 200 millóns de euros a contía que ía recibir Galicia polo financiamento autonómico, non se acadou o obxectivo marcado. ‘Si logramos pasar de máis de 400 millóns de euros a máis de 600 millóns, pero non logramos acadar fondos suficientes para a dispersións e non logramos ningún fondo para a emigración’, recordou.
Reordenar as contas e xestionar con realismo
Feijóo asegurou que, unha das primeiras cousas que fixo o novo Executivo foi recoñecer o acelerado proceso de abatemento polo que está pasando Galicia desde os últimos anos e poñer de manifesto a irrealidade dos presupostos do anterior Goberno.
‘Esta Xunta de Galicia –explicou- chegou no momento económico máis complicado no que chegou nunca un Goberno autonómico. Por primeira vez, desde 1993, Galicia entrou en recesión e nos atopamos un burato orzamentario superior aos 1.200 millóns de euros. Galicia non se pode xestionar con euros pantasma e nos orzamentos que recibimos, un de cada dez euros non existían, o que nos levou á obriga de reordenar as contas para dotalas de utilidade’.
Con este mesmo espírito, o mandatario galego avanzou que, nas vindeiras semanas, concluirá a revisión do concurso eólico, que atenderá o único criterio de cumprir coa legalidade e protexer os intereses xerais de Galicia. ‘Adquirimos un compromiso cos cidadáns: dar seguridade xurídica ao reparto eólico; e ímolo cumprir. Estou convencido de que patronal, adxudicatarias e partidos políticos teñen que ser conscientes delo’, aseverou.
Galicia, referente da austeridade
O presidente da Xunta afirmou que, en tan só 100 días, Galicia é xa un dos referentes políticos da austeridade en España debido á reforma da Administración, a través da redución de altos cargos e cargos intermedios que foron substituídos por empregados públicos; e a un Plan de austeridade no gasto improdutivo que, só nos orzamentos do que resta de ano, supuxo 144 millóns de euros para gasto produtivo e social.
‘Reducimos nun 25 por cento o número de consellerías; substituímos 52 delegados provinciais por cinco e diminuímos o número de asesores nun 26 por cento. Isto supón só na nómina dos altos cargos durante a lexislatura un aforro de 43 millóns de euros’, explicou.
Acción fronte a parálise: cinco grandes eixes de actuación
Co obxectivo de articular unha nova fórmula de desenvolvemento que combine un proceso de crecemento co logro da inclusión social, o novo Executivo galego está a actuar con todos os medios ao seu alcance e en todos os ámbitos, xirando sobre cinco grandes eixes de actuación.
Así, nunha aposta polos cidadáns e pola familia, Feijóo lembrou algunhas das medidas emprendidas neste eido, entre as que destacou: a rebaixa á metade dos dous impostos que gravan a adquisición de vivenda para 600.000 galegos, as familias numerosas e os menores de 36 anos; a conxelación das taxas universitarias para o curso 2009-2010; o fraccionamento do pago dos impostos autonómicos ás empresas sen cargos nin intereses; un Plan de vivenda que supón 600 millóns de euros, 50.000 actuacións en vivendas e 40.000 empregos; a redución á metade da espera polos trámites para solicitar as axudas da Lei de Dependencia; a implantación dunha verdadeira gratuidade de libros de texto para os colectivos que máis o precisan; 600 millóns de euros comprometidos nun novo hospital en Pontevedra, no novo hospital de Vigo, no equipamento do hospital de Lugo e no Plan director do Hospital da Coruña; a posta en marcha do programa de espera cero para patoloxías urxentes; e o plan galego contra a pandemia de Gripe A, no que xa se comprometeron 25 millóns de euros.
Na senda da creación de emprego
Entre as medidas para fomentar o emprego e frear o paro, Feijóo subliñou que a Xunta destinou máis de 147 millóns de euros para financiar a contratación de traballadores que esgotaran a prestacións do desemprego, máis de 24 millóns para plans de formación dirixidos a parados e 6,3 millóns para proxectos de recolocación de traballadores afectados por expedientes de regulación de emprego. ‘O obxectivo –dixo- é chegar a máis de 45.000 desempregados co ánimo de reverter a tendencia e embarcarnos na senda da creación de emprego.
Co obxecto de apoiar as empresas, o Executivo galego puxo en marcha liñas de axudas para solventar os problemas de liquidez e iniciou un apoio decidido aos proxectos de I+D+i, para os que se reservou nestes cen primeiros días de goberno máis de 80 millóns de euros.
O apoio concreto a sectores clave, como a pesca, o lácteo ou a automoción; o Plan de Promoción do Ano Santo Xacobeo 2010 e o Plan de Choque que auna ata 40 medidas de dinamización económica e que mobilizará 1.200 millóns de euros son outras medidas contra a recesión económica iniciadas polo actual Goberno e claves para levar a cabo a modernización económica.
Plan de Infraestruturas 2009-2015
No tocante ao impulso ás infraestruturas viarias, Feijóo lembrou que de forma inmediata o actual Goberno galego non só mantivo, senón que incrementou o nivel de licitación de obra pública, ata o punto de que nos cen primeiros días da actual lexislatura e respecto á pasada, o volume de contratos ofertados en licitación pública é un 314,9% superior; e o volume de obra licitada é incluso un 170% superior ao que acadaron, nos cinco primeiros meses do bipartito as extintas consellerías de Política Territorial, Medio Ambiente e Vivenda.
Así mesmo, avanzou que nun breve prazo de tempo presentarase o Plan de Infraestruturas 2009-2015, no que estarán incluídas a totalidade das actuación previstas no Plan Galicia. ‘Este proxecto –explicou- suporá impulsar unha rede de autovías e vías de alta capacidade que sitúen ao 80% da poboación de Galicia a menos de 10 minutos dunha Vía de Alta Capacidade’.
Normalización pola liberdade
No camiño de recuperar os consensos lingüísticos, Feijóo afirmou que o novo Goberno galego modificou a Lei de Función Pública para garantir os dereitos de aqueles que exercen a súa liberdade tanto en galego como en castelán e abriu o camiño para derrogar o Decreto do galego na ensinanza a través da consulta a todos os pais con fillos en idade escolar para que nas aulas reine o criterio das maiorías.
‘Cumprimos coa nosa obriga e compromiso de Goberno de garantir o bilingüismo cordial e o uso e o coñecemento das dúas linguas oficiais en igualdade de condicións e apostamos pola normalización en liberdade, é dicir, protexer e promocionar o galego, como levamos feito nestes 100 días, instaurando unha rede de dinamización lingüística que defina, agrupe e coordine os servizos de normalización lingüística dos concellos nun contexto de irrenunciable liberdade’.