RIOTORTO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este mércores o Concello de Riotorto no que o organismo provincial está a investir 1.669.721 euros. Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo Alcalde da localidade, Federico Gutiérrez Estoa, visitou varias obras que se acometeron no municipio mariñano, e que están incluídas no Plan de Comunidades Veciñais de 2008 da Deputación.
A través desta iniciativa, Riotorto recibiu da Deputación 39.123 euros, que serviron para acondicionar o centro sociocultural de Vilaseca, onde o titular provincial foi recibido polos veciños da localidade. Gómez Besteiro destacou que “este Plan segue a ser un bo modelo porque inclúe obras pequenas, que non menos necesarias, que esixen unión veciñal e que non se poderían facer se non tivesen o apoio da Deputación”.
Coincidindo coa chegada a Riotorto, o máximo mandatario provincial decidiu suspender parte do programa da visita previsto ó producirse un incendio nunha finca da localidade de Val ó carón dunha estrada. O Presidente e o rexedor municipal foron os primeiros en chegar á zona e en avisar ó servizo de extinción de incendios para sofocar o lume.
A visita, na que tamén participou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, continuará pola tarde, cando Gómez Besteiro supervisará as obras de asfaltado e de mellora dos camiño da Cruz e de Val, e a igrexa de Espasande de Abaixo que foi tamén rehabilitada coa iniciativa da Deputación.
Polígono industrial
O Presidente tamén lembrou que, a través da Sociedade Provincial Urbanística (SUPLUSA), acometerá as obras da área industrial na zona de Vilarín, no lugar das Rodrigas, e que suma un investimento de 1.437.414 euros. SUPLUSA xa procedeu á redacción do Plan de Sectorización do solo apto para urbanizar.
A institución provincial desenvolverá unha superficie total de 106.214 m2, dos que 53.595 m2 estarán adicados a parcelas industriais e 23.893 m2 a espazos libres e zonas verdes. Quedan previstos para a súa cesión ó Concello, 2.154,50 m2 de equipamentos deportivos; 1.077,25 m2 de equipamento social e 1.077,24 m2 para comercial.
A Deputación tamén está a realizar outros investimentos neste municipio a través doutros Plans. É o caso do de Conservación Integral das Estradas Provinciais, a través do que Riotorto, xunto cos de Abadín, A Pontenova, Mondoñedo e A Pastoriza se atopa na zona 3. O mantemento dos 65,050 quilómetros deste Concello foi adxudicado para este ano por un importe de 155.030 euros.
Este Concello tamén acometerá a xestión de 56,302 quilómetros de estradas provinciais, o que supón un custe para a Deputación de 9.948 euros. Riotorto tamén recibiu 11.206 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementa o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 280.172 euros concedidos a través do Plan E.
O municipio mariñano ten 1.559 habitantes. A través do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes de 2009, a Deputación achega 17.000 euros, que se destinarán á mellora de infraestruturas viarias en Santa Marta.