Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP pide “a substitución inmediata” do helicóptero de salvamento Helimer Galicia

Nota de Prensa

O voceiro do Mar do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol, rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara galega para que a Xunta de Galicia inste ao Goberno socialista de Zapatero a substituír este helicóptero con máis de 18 anos de antigüidade e que presenta contínuas paradas e avarías
O GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR RECLAMA A SUBSTITUCIÓN INMEDIATA DO HELIMER GALICIA DEPENDENTE DO SERVIZO ESTATAL DE SALVAMENTO MARÍTIMO

* “Hai máis dun ano -febreiro de 2008- que SASEMAR anunciou que se substituiría o vello Helimer Galicia con base na Coruña, logo dun accidente no que se rompeu o cable de izado e morreu un Guarda Civil que participaba nun rescate” indicou Balseiro e, a día de hoxe, o Goberno central incumpre este compromiso.

* A Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo desautoriza á voceira do Mar do PSOE xustificando a non substitución da aeronave da súa competencia en que a cobertura do servizo de emerxencia marítima está plenamente garantida cos helicópteros competencia da Xunta de Galicia: o Pesca I e o Pesca II

Santiago, 24 de xullo de 2009.- O Grupo Parlamentario Popular rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara autonómica a través das que busca o apio da Xunta para reclamar perante o Goberno central a substitución inmediata do helicóptero Helimer Galicia dependente do Servizo Estatal de Salvamento Marítimo (SASEMAR). O voceiro do Mar do PPdeG, Jose Manuel Balseiro Orol explica que o actual modelo da aeronave que opera nas nosas costas conta con máis de 18 anos de servizo –o máis antigo dos que seguen en activo en todo o Estado- e presentan continuas paradas e avarías, que reducen a súa operatividade en caso de ter que actuar cando acontece algún suposto de emerxencia marítima.

Balseiro Orol indicou que hai máis dun ano -febreiro de 2008- que o Goberno central anunciou que se substituiría o vello Helimer Galicia con base en A Coruña, logo dun accidente no que se rompeu o cable de izado e morreu un Garda Civil que participaba nun rescate. Malia o dito, a día de hoxe, o Executivo socialista de Zapatero incumpre este compromiso, que pasaba polo troco do modelo actual –un Sikorsky S-61N- por un novo  modelo moito máis moderno -o Agusta Westland 139s-, que debería estar en Alvedro en febreiro de 2009. Curiosamente, a Sociedade Estatal de Salvamento si ten substituído outras aeronaves, como é o caso das que teñen a súa base en Reus, Valencia, Almería, Tenerife Sur, Palma de Mallorca e Xixón. Neste último caso,a incorporación do novo Agusta Westland supuxo o traslado do helicóptero existente – un Eurocopter Dauphine con moitas mellores prestacións que o que opera en Galicia – a Santander, pese a que a costa cántabra ten ata un 75% menos de actividade de salvamento marítimo.

MÚLTIPLES INCIDENCIAS

Tal e como explica o voceiro do Mar do Grupo Popular a obsolescencia do actual Helimer Galicia deu lugar a graves problemas impropios dun servizo que está chamado a ofrecer unha cobertura axeitada en caso de emerxencia e, polo tanto, a garantir a vida e a integridade física das xentes do mar. Así por exemplo con ocasión do naufraxio do Rosamar, foi necesario que o helicóptero Pesca II, dependente da Xunta, substituíra nestas operacións ao Helimer Galicia, deixando con elo descuberta a costa lucense.

Situación similar aconteceu con ocasión do rescate do buque Cordero, a aeronave habitual que emprega Salvamento Marítimo foi substituída por un modelo distinto –o Dauphin- que dispón dunha menor calidade nos seus equipos e prestacións pois, por exemplo, non conta con cámara de visión nocturna. Tamén resulta relativamente frecuente que se proceda á substitución das tripulacións que operan desde a base do SASEMAR na Coruña por outros traballadores procedente de terceiros lugares, así por exemplo, ante o sinistro do buque Cordero, os pilotos procedían de Xixón e, polo tanto, descoñecían a zona.

DESAUTORIZACIÓN AO PSOE

En todo caso, indica o voceiro do Mar do PPdeG, o Goberno socialista de Zapatero está a xustificar a súa negativa para incorporar unha aeronave moito máis moderna para a base da Coruña en que o servizo na costa galega xa está cuberto polos helicópteros Pesca I e Pesca II, dependentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, isto é, os de competencia autonómica. A Consellería do Mar anunciou nas pasadas datas a súa intención de dotar de dobres tripulacións dispoñibles para pilotar estas aeronaves e garantir, deste xeito, a súa operatividade ás 24 horas do día, os 365 días ao ano. O devandito reforzo do cadro de persoal é posible grazas á reformulación realizada dos medios económicos debido á suspensión do proceso de compra dun novo helicóptero que tería a súa base na Costa da Morte e que cubriría unha área similar á que hoxe da cobertura o Helimer Galicia de Salvamento Marítimo.

O discurso que agora mantén SASEMAR, indicou o deputado popular, contrasta coas manifestacións públicas realizadas pola voceira do Mar do PSdeG, Marisol Soneiro Tajes, moi crítica coa posición da Xunta, polo que é máis que evidente que o Goberno central están a desautorizar á portavoz socialista e a dar a razón a aqueles que manteñen que os cambios garanten unha maior eficacia e operatividade dos helicópteros da Xunta e que non existían criterios ou informes técnicos que avalasen a compra dese novo helicóptero por parte da administración autonómica galega.

AUSTERIDADE IRRESPONSABLE

Balseiro Orol conclúe que o Goberno central está a incorrer, coa súa negativa a substituír o Helimer Galicia por un aparato máis moderno, nun suposto de austeridade irresponsable. O Executivo que preside Jose Luis Rodríguez Zapatero debe asumir as súas competencias e cumprir as súas responsabilidades, tal e como está a facer na actualidade a Xunta de Galicia, que xa dobrou a tripulación do helicóptero da súa competencia con base en Vigo e ten previsto facer o propio en Celeiro no mes de xaneiro. A diferenza do que está a facer o Executivo central o novo Goberno de Galicia, presidido por Alberto Núñez Feijóo aposta pola eficacia, pola eficiencia e pola optimización de recursos que están ao servizo da seguridade de todos os homes e mulleres que traballan no mundo do mar.

Exit mobile version