Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela pide que se recoñeza a Ricardo Pena e se manteña a Eijo Garay

NOTA DE PRENSA
RECOÑECEMENTO A RICARDO PENA, SI; MANTEMENTO DA RÚA EIJO GARAY COMO ESTÁ, TAMÉN.

Postura oficial do Partido Popular de Burela.

Vaia por diante que estamos totalmente de acordo con que Ricardo Pena teña o máximo recoñecemento. Non debemos esquecer que o Partido Popular foi quen propuxo a D. Ricardo Pena Domínguez como Cronista Oficial do noso Concello, e non precisamente co apoio de certos partidos políticos: o BNG abstivérase na sesión plenaria de 29 de Setembro de 1997. Tampouco hai que esquecer que foi o goberno municipal do PP o que habilitou espacios na Biblioteca de Burela para acoller a biblioteca de Pena Domínguez. Por certo, sería aplaudido pola maioria de veciños e veciñas deste concello que a Biblioteca Municipal, ou a mesma Casa da Cultura, levara o nome de Ricardo Pena Domínguez. O PP apoiaría sempre tal iniciativa.

Antonte, luns, representantes do PP mantivemos unha reunión mui cordial con representantes do Buril, autores da proposta de cambio de nome da Rúa Eijo Garay, a petición deles. Cousa que se agradece e que motivou que o PP retrasase o seu posicionamento oficial. Reuniòn que serviu para clarificar cuestións sobre a proposta, e de paso deixar aberta unha porta de diálogo sobre todo o que afecte a Burela.

O PP quere deixar claro que non está de acordo, e polo tanto oporase se o asunto se debate no Concello, co cambio de nome da Rúa Eijo Garay. Consideramos que esta proposta, que o Buril está no seu dereito de facer, está plantexada con pouco rigor e ademais está a atopar un forte rexeitamento por parte da cidadania.

Entendemos que de levarse a cabo un “lavado de cara” conforme á lei de memoria histórica, que nós rexeitamos, deberíase aclarar se se queda neste nome ou se tén previsto facer máis propostas. E sería bon sabelo canto antes, para non ter que atopármonos con sorpresas, algunhas seguramente que desagradables.

Desde o PP só queremos lembrar que o bispo Eijo Garay foi recoñecido, segundo consta en acta de once de Xaneiro de mil novecentos trinta e un, como presidente de honra do Pósito de Burela polo seu compromiso para que se subastaran as obras do muelle de Burela (ver o libo de Ricardo Pena Domínguez, páxina 202). Como é facilmente deducible, o porto foi o motor, indiscutible, do progreso económico de Burela; polo tanto, non está demais ser agradecidos a quen axudou, xunto con outras persoas, a xestionar a súa construcción inicial. Pero é que estas mesmas xestións continuaron nos anos trinta, corenta e cincuenta: cabe pensar que o agradecemento debería ser maior se cabe. Xustamente por eso é polo que a rúa leva o nome de Eijo Garay. Non por outras connotacións que non veñen ó caso.

Non debemos esquecer que gracias ó porto de Burela, moitas persoas, durante décadas, de Burela e vidas de fóra pero que se sentiron e se sinten de Burela, poden vivir aqui; sen ir máis lonxe, os colectivos caboverdiano e suramericano, que teñen como principal fonte de ingresos o mundo do mar, que hoxendía é o que é porque houbo persoas coma Eijo Garay que colaboraron dentro das súas posibilidades para facer posible o que era un soño nos anos vinte do século pasado. Sorprende, xa que logo, algunha que outra manifestación que logo de analisada só cabe calificala como irrelevante.

O colectivo cultural Buril é mui libre de facer esta proposta, pero desde o PP entendemos que non deixa de ser, tal e como se plantexa e vistas as reaccións que desencadena, un debate improductivo e unha perda de esforzos, cando os problemas culturais de Burela son outros, como a falla de subvencións do Concello ós colectivos culturais, o retraso no cobro de axudas oficiais do proprio concello, da Deputación,…; ou mesmo o horario de verán da biblioteca. Mesmo os cidadáns estamos agora con outros problemas (e tamén Buril), o vial Barreiros-San Cibrao, que pode decidir o futuro de Burela, ou a crise económica que nos afecta a todos.

Por todo eso, o PP oponse a este cambio de nome da rúa Eijo Garay, e adianta que de levarse a pleno votará en contra, porque entende que é unha proposta que se esquece do que a persoa citada fixo polo noso Concello. É máis, de executarse o cambio de nome desta rúa, o PP garante que, cando volva ó goberno municipal, volverá a repoñer o nome de Rúa de Eijo Garay.

Exit mobile version