Site icon Crónica3.com A Mariña

O Construído son de swing e jazz da Viveiro Big Band actuou nos xardíns da Deputación

LUGO .- A Viveiro Big Band ofreceu esta un magnífico concerto de swing e jazz dentro do programa Cultura Aberta nos Xardíns da Deputación. Este programa está artellado para dar cabida a todos os públicos atendendo á variedade de gustos e estilos musicais, de xeito que se encha o baleiro de programación cultural do verán lucense, abrindo para elo á cidadanía un espazo coma os xardíns da Deputación.

Hoxe, a Viveiro Big Band foi a encargada de poñer a nota musical ao atardecer nos xardíns da Deputación, enchendo o luscofusco de doces melodías de jazz entre os xogos con outros estilos musicais, como o swing, soul ou funk. Os integrantes da Viveiro Big Band, todos eles procedentes da comarca da Mariña, propuxeron ao público lucense un completo, ecléctico e ben artellado concerto que fixo gozar aos oídos coa arte da música. Para elo mesturaron temas de autores clásicos con autores contemporáneos de jazz, dando un excelente resultado a oídos do público tanto nas pezas máis arranxadas coma naquelas nas que a improvisación e a inspiración do intérprete eran as que reinaban.

A Viveiro Big Band é un sólido proxecto de orquestra de jazz que ten as súas orixes no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e na banda de música da mesma localidade. Desde a súa creación, o seu repertorio foise ampliando até volverse moi ecléctico malia predominaren nel os arranxos das grandes orquestras de swing.

O vindeiro xoves 30 tocaralle aos oito músicos que compoñen Kibitka animar ese tramo entre o día e a noite dos xoves do verán lucense para os que por segundo ano a Área de Cultura da Deputación propón o completo programa “Cultura Aberta”. Kibitka é un grupo de fusión que realiza unha mestura de músicas balcánicas e galaicas, nun concerto onde as fronteiras musicais se rachan para construíren un espectáculo musical atractivo.

Exit mobile version