Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno do Concello insta a Xunta a defender os intereses de Burela no trazado da autovía

BURELA (FNC) .- A tenente de alcalde, Neves Cando, explicou esta mañá que o punto máis relevante do pleno de hoxe será unha moción conxunta presentada por BNG e PSOE para instar á Xunta de Galicia a que defenda os intereses do Concello sobre o trazado da autovía Barreiros-San Cibrao diante do Ministerio de Fomento.

A edil nacionalista anunciou que “o pleno do Concello de Burela vai aprobar hoxe as alegacións que presentamos ao estudo informativo sobre a autovía San Cibrao-Barreiros, unhas alegacións que, en resumo, rexeitan as tres propostas presentadas polo Ministerio de Fomento que discorren paralelas á actual variante de Burela porque hipotecan e lesionan gravemente o futuro do noso pobo a tódolos niveis, tanto urbanística como socioeconómicamente. A nosa proposta avalada por tódolos grupos políticos, pola asociación de veciños e a comunidade de montes de Burela, é a opción plantexada pero descartada polo Ministerio de Fomento que discorre mais ao sur do noso concello”.

Cando insiste en que “ésta é a única opción viable para nós porque elimina a afección existente da actual variante e non xenera novos caudais que poidan afectar as nosas infraestructuras municipais posto que non modifica as concas dos verquidos, non impide  o desenvolvemento de ámbitos imprescindibles para o crecemento económico do municipio e facilita as conexións do núcleo co ámbito municipal que se sitúa o máis ao sur da actual variante. Por todas estas razóns o Concello vai solicitar que esta autovía San Cibrao-Barreiros discorra polo trazado sur, polo itinerario máis ao sur proposto por Fomento. Dada a singularidade territorial de Burela con moita fronte costeira e pouca profundidade, xa hai moita afección de protección costeira e mais tamén de infraestructuras de carácter supramunicipal como é a rede ferroviaria, todo isto fai que o noso crecemento territorial sexa de cara ao sur e que ésta sexa únicamente a opción válida para Burela”.

A tenente de alcalde engadiu que “ademais destas alegacións o Concello de Burela tamén ten que emitir un informe sobre este trazado da autovía ao igual que tamén o terá que facer a Xunta de Galicia segundo se ordena na resolución da Dirección Xeral de Estradas pola que se aprobou provisoriamente este estudo informativo. E é aquí, neste informe que terá que emitir a Xunta de Galicia, onde nós queremos incidir presentando unha moción conxunta BNG-PSOE para aprobar esta tarde no pleno e na que instamos á Xunta  para que no informe que deberá emitir sobre este estudo informativo da autovía Barreiros-San Cibrao defenda os intereses do Concello de Burela no senso de rexeitar a opción escollida polo Ministerio de Fomento e apoiar as alegacións aprobadas por nós para que desta maneira non se hipoteque o futuro urbanístico e socioeconómico de Burela”.

Exit mobile version