Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo non informa da investigación que está a levar a cabo un xulgado de Viveiro

CERVO .- O goberno municipal de Cervo non da explicacións sobre a investigación que está a levar a cabo o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro según aseguran nun comunicado oficial. “O Goberno municipal mantén a súa intención de non realizar ningún tipo de comentario, valoración ou ofrecer dato algún, que puidera implicar a vulneración ou ser obstáculo para o secreto de sumario e empraza ao resto das formacións políticas a que, nun exercicio xusto e responsable das súas atribucións políticas, actúen con maior rigor”, explican

Nota de Prensa

COMUNICADO OFICIAL

En relación coas afirmacións realizadas polo Grupo Municipal Socialista respecto da investigación que se está a levar a cabo desde o Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, o Executivo municipal quere manifestar o seguinte:

1º-  Que constitúe un grave acto de irresponsabilidade política por parte do principal partido da oposición, reclamar explicacións públicas respecto dunha investigación que, tal e como é manifestamente coñecido, está sometida a un proceso de secreto de sumario. Neste senso o Goberno municipal empraza ao PSOE a respectar ás regras do xogo democrático e as decisións da Administración de xustiza e, máis en concreto, os pronunciamentos adoptados polo xulgado que instrúe o caso que decidiu que toda esta investigación se desenvolva dun xeito secreto.

2º- Ata o momento que transcendera publicamente o único veciño de Cervo que está sometido a unha imputación é, unha concelleira da Corporación Municipal, a portavoz socialista de Cervo -Sra. Lara Méndez- como consecuencia da presunta comisión de feitos que poderían ser constitutivos de delicto. Segundo sabemos, esta concelleira, non ten ofrecido ningún tipo de explicación sobre a súa relación coa presunta trama de retirada ilexítima de multas que afecta á Delegación Provincial de Tráfico, amparándose precisamente no secreto das investigacións, iso a pesares de que a imputación implica que existen indicios racionais da súa participación nos feitos investigados e que se trata de graves acusacións que está a afrontar na súa condición de cargo público.

3º- O Concello de Cervo se reafirma na vontade de máxima colaboración coa administración de xustiza e, xunto a iso, de máximo respecto ao proceso de investigación xudicial secreto que está en curso. Como é lóxico comprender, somos os primeiros interesados no pronto esclarecemento dos feitos e, só despois diso, comprometémonos a adoptar as valoracións e decisións que no seu caso correspondan.

4º- En virtude do anteriormente expresado, e por coherencia con todos estes principios, o Goberno municipal mantén a súa intención de non realizar ningún tipo de comentario, valoración ou ofrecer dato algún, que puidera implicar a vulneración ou ser obstáculo para o secreto de sumario e empraza ao resto das formacións políticas a que, nun exercicio xusto e responsable das súas atribucións políticas, actúen con maior rigor. En definitiva, emprazámoslle a que saiban estar á altura das circunstancias.

Exit mobile version