Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Presidencia disposto a tratar coa Deputación sobre os parques comarcais de bombeiros

SANTAIGO .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, insistiu en que “a coordinación e a colaboración entre administracións” é fundamental para poñer en marcha o servizo de emerxencias de Lugo. Por este motivo, expresou a súa plena disposición a manter “canto antes” unha xuntanza para abordar a prestación do servizo contraincendios e de salvamento de Lugo co fin de darlle impulso ao consorcio provincial, tal e como xa lle ten trasladado á Deputación lucense.

Así o dixo o conselleiro no Polígono Industrial de Vilalba onde se construirá o parque de bombeiros comarcal da zona e onde aproveitou para informar aos medios de comunicación sobre a situación dos parques comarcais de bombeiros na provincia de Lugo. Rueda, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, pola vicepresidenta da Deputación de Lugo, Lara Mèndez, e polo alcalde vilalbés, Gerardo Criado, comentou que o déficit de Lugo no tocante ao servizo contraincendios foi paliado grazas ao esforzo conxunto da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo. Ambos organismos sufragan ao 50% os custes da construción dos cinco parques de bombeiros do Consorcio Provincial e a súa dotación material. En total, dixo Rueda, trátase dun investimento final para a provincia de “máis de nove millóns de euros”.

Situación dos parques de bombeiros comarcais
Neste sentido, o conselleiro anunciou que o parque comarcal de Vilalba estará “completamente rematado” en seis meses e que nel se invisten preto de 600.000 euros, o mesmo orzamento co que tamén conta o de Chantada e que neste caso finalizará nas vindeiras semanas. Nos parques de Viveiro e Sarria o custe estimado foi de 700.000 euros en vada un; o primeiro espérase que estea rematado no 2010, ano no que se iniciará a súa construción; mentres que o de Sarria xa leva a metade construído. Por último, Rueda referiuse ao parque comarcal de Barreiros que, tras varios anos de problemas, xa está completamente finalizado.

Así, destacou o papel dun servizo fundamental para que a cidadanía poida estar segura. Os cinco parques do Consorcio de Lugo prestarán servizo a unha poboación próxima aos 200.000 habitantes e garantirán a resposta áxil dos servizos de emerxencias.

Por último, o conselleiro lembrou os avances feitos no servizo contraincendios e de salvamento no resto das provincias galegas, onde a Xunta leva investidos 30 millóns de euros na posta en marcha de 18 parques comarcais de bombeiros e na compra de vehículos e equipamento contraincendios; aos que se lle suman outros 30 millóns para gastos de funcionamento. Estas cifras, ás que lles hai que sumar os 4,6 millóns de euros que se invisten na provincia de Lugo, dan, segundo Rueda, “boa mostra” do compromiso da Xunta de Galicia na materia.

Exit mobile version