Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo descontento coa Deputación, desbrozará estradas provinciais

CERVO .- O concello de Cervo asumirá o desbroce nas estradas provinciais debido a “desatención da Deputación de Lugo que non está a efectuar os traballos precisos para o mantemento en perfecto estado das mesmas”, aseguran desde o goberno municipal.

Nota de Prensa
O estado que presenta algunha das cunetas das estradas de titularidade provincial preocupa no Goberno municipal, polo aumento do risco de incendio e porque son espazos de tránsito habitual dos veciños

CERVO ASUME O DESBROCE DAS ESTRADAS PROVINCIAIS  ANTE A EVIDENTE DESATENCIÓN DA DEPUTACIÓN

* O Ente provincial nin tan sequera está a responder aos reiterados requirimentos que desde o Concello se lles está a dirixir para que asuma a súas competencias.

* A Deputación aplicou o mesmo silencio que indigna ao Goberno municipal cando se lle pediu a cesión da pala para a limpeza e adecuación do areal de O Torno.

Cervo, 25 de xullo de 2009.- O Concello de Cervo asumirá o desbroce nas estradas provinciais ante a evidente desatención da Deputación de Lugo que non está a efectuar os traballos precisos para o mantemento en perfecto estado das mesmas. O Goberno municipal amósase preocupado polo estado que presentan as cunetas destas vías, con zonas de paso invadidas polas malas herbas ou ocupadas polas plantacións das áreas forestais contiguas.

SILENCIO DA DEPUTACIÓN

O Concello de Cervo entende que a Deputación provincial está a descoidar a súa competencia nunha mostra máis de manifesto desprezo aos veciños deste concello. Desde a Corporación Municipal remitiron de xeito periódico varias cartas nas que comunicaban o lamentable estado de moitas destas cunetas ao Ente Provincial ademais de emprazarlles á corrección desta situación. O Goberno municipal xa non só lamenta que desde a Deputación non efectúen os traballos requiridos senón que se amosan especialmente indignados polo silencio do organismo provincial que nin tan sequera responde ás distintas peticións formuladas. A situación é aínda máis sangrante tendo en conta que tanto a portavoz do PSOE local, Lara Méndez, como o voceiro do BNG local, Juan Antonio Estúa, ostentan distintas responsabilidades na mesma Deputación provincial que descoida os intereses dos veciños deste concello.

MAIOR RISCO DE INCENDIO

A situación descrita preocupa no Goberno municipal, de xeito especial cando como é o caso coincide coa época estival, ante o previsible aumento do risco de incendios incontrolados. Ao mesmo tempo, moitas destas estradas son espazos de tránsito habitual para moitos dos veciños das parroquias cervenses que nestes días celebran as súas festas.

A DEPUTACIÓN NON COLABORA NA LIMPEZA DE O TORNO

Non é a primeira vez que o Concello de Cervo se ve na obriga de substituír a inactividade da Deputación provincial. Xa no seu día desde o Goberno municipal reclamaron a cesión da maquinaria –a pala- que o Ente provincial ten para a adecuación e limpeza do areal de O Torno. Nesta ocasión tampouco se obtivo a resposta precisa por parte da Deputación e tanto a limpeza como a maquinaria empregada para axeitar esta praia están a efectuarse con medios e traballadores exclusivamente municipais.

Exit mobile version