Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Burela xa ten listas as alegacións para o cambio de trazado da autovía

BURELA (FNC) .- Xa están listas as alegacións conxuntas que o Concello de Burela lle vai enviar ó Ministerio de Fomento solicitando o cambio de trazado para o corredor Barreiros-San Cibrao. Ese documento someterase a aprobación no pleno ordinario que se celebrará o vindeiro luns 27 de xullo. O rexedor, Alfredo Llano, agarda que se aprobe por unanimidade.

O alcalde sinala que “no encontro que mantivemos onte estaban representados a asociación de veciños, a asociación de montes, os tres portavoces dos partidos políticos que teñen representación no Concello de Burela e xente interesada en propoñer algunha alegación a título particular. E xa de maneira definitiva decidimos elaborar o documento con todas alegacións que enviará o propio Concello a Fomento”. Alfredo Llano explica que ditas alegacións “fundaméntanse en dúas razóns, rexeitar as dúas propostas que nos fai Fomento para pasar o corredor polo noso concello e na proposta doutra alternativa que é a que pasaría máis ó sur de Burela. É a máis axeitada para os intereses do noso municipio e para os xerais dos concellos polos que pasará o corredor”.

O rexedor burelés engade que “esta tesE foi avalada tamén por un informe técnico que foi subscrito pola Deputación Provincial, no que se confirman e se respaldan as nosas propostas co que contamos cun apoio institucional importante, e tamén OTEA aporta outro informe moi ben documentado e moi ben feito. Penso que foi un traballo ben levado desde que empezamos con toda esta problemática, fixemos reunións tanto con técnicos como con políticos e agora estaremos á expectativa sobre a resposta que nos poida dar Fomento e manteremos contactos con xente que nos poida avalar e entender as nosas alegacións”.

Llano considera que “aquí traballouse en equipo, fixemos unha boa comisión con todo o mundo representado, ainda que sempre aparece alguén que quere vender a moto con máis intensidade que os outros tentando separarse un pouco da comisión e así escoitamos estes días que se traballaba pouco ou que o alcalde non facía o suficiente.Todo coa pretensión de vender un pouco máis a súa labor, cando este foi un traballo de todos e todos debemos estar contentos de tela feito”. O rexedor dalle “a noraboa á xente que estivo na comisión que foi sempre moi seria e pensamos que estas alegacións que presentamos deben ser suficientes para que se teña en conta que o corredor debe pasar ó sur de Burela sen molestar ó resto dos concellos afectados”.

Exit mobile version