ALFOZ .- O responsable de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, inaugurou o circuíto de motocrós de Alfoz no que o organismo provincial fixo un investimento de 30 mil euros. O novo circuíto está xestionado polo Motoclub Motocrós Endouro, que conta con 50 socios. Nas novas instalación celebraranse este verán dúas probas do campionato galego.
Nota de Prensa
O RESPONSABLE DA ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN INAUGUROU O NOVO CIRCUITO DE MOTOCROOS DE ALFOZ
A Área de Deportes da Deputación financiou, con 30.000 euros, as obras a través dun convenio co clube de Motocross Enduouro
LUGO, a 5 de xullo de 2009. O responsable da Área de Deportes da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, foi o encargado de inaugurar este domingo o novo circuíto de motocross de Alfoz. Esta nova instalación, xestionada polo clube de Motocross Enduouro, permitirá a realización de probas de de esta especialidade e a práctica dos moitos afeccionados e afeccionadas de A Mariña e de outras comarcas. O deputado Delegado da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga, estivo acompañado por autoridades locais, polo presidente do clube de Motocross Enduouro, Roberto Prieto, e por membros da xunta directiva, tamén estivo presente o concelleiro nacionalista Iván Marrube.
A área de Deportes da Deputación aportou, a través dun convenio, un total de 30.000 euros para realizar a primeira fase da construción do circuíto. Con esta inversión realizáronse os movementos de terras necesarios e acondicionouse o cerramento da superficie na que se celebrarán as competicións. O novo circuito permitirá a práctica do motociclismo nas especialidades de motocross e do enduro.
O motoclube Motocross Enduouro é o actual adxudicatario da explotación destes terreos para o cal ten unha concesión, dos propietarios, de 15 anos. Segundo o responsable da Área de Deportes da Deputación “ademais do apoio á práctica deportiva, compre que dende as institucións contribuamos á ordenación da práctica deste tipo de deporte que, xeralmente, non contan con espazos axeitados o que, en moitas ocasións, supón un risco para a integridade dos deportistas e, ás veces, implica unha fonte de conflitos cos veciños e propietarios dos terreos onde se practica de xeito irregular”.
Os terreos nos que se atopa o circuíto de motocross están situados do lugar de Chafarica na Parroquia de Carballido no concello de Alfoz e teñen unha superficie de case 5 has de terreo. Tanto os compoñentes do clube de Motocross Enduouro como moitos outros afeccionados ao deporte do motociclismo viñan demandando dende fai anos a creación dun circuíto deste tipo. Coa creación deste espazo evitaranse as protestas e os conflitos creados cos veciños e propietarios de montes nos que ata o de agora algúns afeccionados practicaban o motocross.
O VINDEIRO MES DE AGOSTO CELEBRARANSE NO NOVO CIRCUÍTO PROBAS DO CAMPIONATO GALEGO
O clube de Motocross Enduouro xa ten solicitado da federación galega a celebración de dúas probas do campionato galego de motocross para este verán no novo circuíto. A práctica totalidade dos asociados están federados nas correspondentes especialidades deportivas. Este clube, un dos máis importantes da provincia, conta con asociados de toda a provincia, aínda que a maior parte deles son de concellos de A Mariña. Este clube conta, neste momento, con máis de 50 asociados que practican e compiten en distintas especialidades do motocross e do enduro. Entre os membros da asociación figuran, entre outros destacados pilotos, o campión galego de enduro do 2007 Antón Lorenzo.