NOTA DE PRENSA
O BNG FAI RESPONSÁBEL AO ALCALDE DE CERVO DO IMPACTO QUE PODA TER A AUTOVÍA AO SEU PASO POLA PARROQUIA DE SAN ROMÁN
Villares debería explicar os motivos que o levaron a reunirse co PP de Burela antes que cos veciños do seu concello.
Non se comunicou cos alcalde de Foz e Burela ate o venres 23 cando en Burela xa tiñan convocado o pleno para aprobar as súas alegacións.
Cervo 1 de agosto de 2009. Os nacionalistas de Cervo responsabilizan ao alcalde de Cervo, Alfonso Villares, do impacto que vai ter o trazado da autovia San Cibrao-Barreiros no seu paso pola parroquia de San Román de Vilaestrofe. Cando o BNG xa remataba os actos explicativos nas diferentes parroquias e núcleos do concello onde xa se fixeron propostas de modificación e acordáronse as alegacións pola afectación a acuíferos, o máximo mandatario municipal empezaba a reunirse cos veciños, non sen antes facelo con representantes do PP de Burela no lugar de facelo co alcalde, con quen debería ter consensuado unha alternativa común que beneficiase aos dous concellos.
O ALCALDE FOI A REMOLQUE DOS ACTOS CONVOCADOS POLO BNG PARA RECOLLER A OPINIÓN DOS VECIÑOS SOBRE O TRAZADO DA AUTOVÍA
Mentres o BNG xa tiña rematado o día 13 de xullo os seis actos previstos para explicar e recoller a opinión dos veciños sobre o trazado da autovía, o máximo mandatario municipal aínda os empezaba. E un feito que o 90% das alegacións presentadas polas afectacións a acuíferos, foron elaboradas polo BNG en colaboración cos veciños da Senra e Gondrás. Tamén é un feito que tanto na Senra como en San Román, viuse con claridade a necesidade de pedir unha modificación do trazado e que este debería estar consensuado co concello de Burela, algo que lle correspondía ao alcalde como máximo representante do concello, que non contactou co alcalde de Burela ate o 23 de xullo.
QUE FACIA VILLARES REUNIDO CO PP DE BURELA CANDO DEBERÍA ESTAR TRABALLANDO CO ALCALDE DE BURELA NUN TRAZADO BENEFICIOSO PARA OS DOUS CONCELLOS
O 16 de xullo facíase publica unha reunión entre o alcalde de Cervo e representantes do PP de Burela, “hai que preguntarse de que falaron, e si o entorno partidario e un bo lugar para defender os intereses dos veciños de Cervo, cando o PP de Burela xa fixera publica a súa proposta de trazado o día 13, xustamente a mais prexudicial para Cervo”. Dende o BNG non se entende a actitude dun alcalde que prefire reunirse cos seus correlixionarios políticos doutra localidade cando defenden unha posición prexudicial para o seu concello antes de facelo cos seus veciños ou no entorno institucional co seu homólogo bureles a fin de consensuar un acordo do que os dous concellos podan saír beneficiados.