NOTA DE PRENSA
DAVILA PEDE AO GOBERNO QUE REFORCE OS CONTROIS DE BONITO PROCEDENTE DE ITALIA DEBIDO Á ENTRADA DE PRODUCTO CAPTURADO CON ARTES PROHIBIDAS POLA UE
A deputada do BNG faise eco da demanda da frota da costeira de Burela “preocupada porque está a entrar bonito pescado de xeito ilegal” e incluso se tivo que facer unha campaña de etiquetado para informar aos consumidores
Madrid, 17 Xullo 09. A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para demandarlle ao Goberno que reforce os controis sobre as importacións de bonito para impedir a descarga deste producto capturado con artes prohibidas na UE.
A deputada do BNG faise eco das demandas da frota da costeira de Burela, unhas das principais na pesca de bonito, que pede ao Ministerio de Medio Mariño máis vixianza e control das importacións de bonito xa que “está a entrar producto procedente de Italia pescado de xeito ilegal, con redes de deriva, unha arte de pesca prohibida na UE”.
Ademáis, a parlamentar nacionalista alude aos dados aportados pola organización ecoloxista Oceana que puxo de manifesto que o ano pasado entraron no Estado español 965 toneladas de bonito de Italia, “pais onde o 23% da pesca de bonito se fai con redes de deriva”.
Máis controis no Estado e maior vixianza na UE
Davila subliña que incluso a Xunta e os grandes portos de descarga como o de Burela se viron obrigados a facer unha campaña de etiquetado de bonito da costeira para informar aos consumidores das diferenzas entre un producto pescado de forma tradicional e outro con artes ilegais.
“É consciente o Goberno que a entrada de bonito capturado deste xeito está danando seriamente á frota de bonito da costeira (Burela) que pesca este peixe de xeito tradicional e respetuoso co medio ambiente?”.
Por iso, a deputada do BNG pregunta ao Goberno se nas inspeccións realizadas se constatou a entrada de bonito de Italia capturado con redes prohibidas e se vai dialogar coa frota da costeira para facer fronte a este problema. Ademáis, quer saber que seguimento e control realiza a UE das artes de pesca utilizadas polas frotas de Estados membros e se vai reclamar na UE un maior control e vixianza. “Como é posíbel que mariñeiros de Italia pesquen con artes prohibidas?”.