Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demándalle á Xunta que amplíe a prórroga para executar os proxectos de aproveitamento do monte

NOTA DE PRENSA

O BNG DEMÁNDALLE Á XUNTA QUE AMPLÍE A SEIS MESES A PRÓRROGA PARA EXECUTAR OS PROXECTOS QUE RECIBIRON AXUDAS PARA A VALORACIÓN INTEGRAL E APROVEITAMENTO MULTIFUNCIONAL DO MONTE

Tereixa Paz considera que a prórroga dun mes establecida por Medio Rural “é insuficiente, inxustificada e pode comprometer que algunha das iniciativas se poida realizar”

Santiago de Compostela, 16 xullo 09.- A portavoz do BNG na Comisión de Agricultura do Parlamento Galego, Tereixa Paz, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda á Consellaría do Medio Rural que amplíe a seis meses a prórroga aos propietarios forestais para que podan executar os proxectos que recibiron axudas para a valoración integral e aproveitamento multifuncional do monte.

Tereixa Paz denuncia que aínda que o artigo 25.7 da orde que regula as axudas, de 12 de agosto de 2008, establece que a Administración poderá conceder unha prórroga de até seis meses, sen embargo “a Consellaría do Medio Rural ten resolto conceder, con carácter xeral, unha prórroga de tan só un mes para a realización dos traballos, agás naques casos nos que o proxecto implique a realización de plantacións”.

“A prórroga dun mes é claramente insuficiente e arbitraria”

A deputada nacionalista considera que esta prórroga “resulta claramente insuficiente, inxustificada e mesmo arbitraria tendo en conta non só o disposto na orde senón tamén o tipo de proxectos (como na elaboración de plans e instrumentos de xestión do monte) que os promotores teñen que executar, e máis aínda se temos en conta que en moitos casos os prexudicados son os e as titulares dos montes veciñais en man común”.

Ademais, a parlamentaria nacionalista advirte de que, dada a perda total ou parcial das axudas en caso de que non se executen os proxectos na súa totalidade no prazo establecido, “ao conceder a Xunta unha prórroga de só un mees pódese comprometer o reintegro dos investimentos xa realizados por algúns promotores e mesmo que algunha das iniciativas se poida executar”.

Neste sentido, e á vista dos prexuízos que pode provocar a decisión da Consellaría do Medio Rural, a deputada do BNG pídelle a Xunta que “rectifique, porque aínda está a tempo, e chegue ao prazo máximo de 6 meses que establece a orde”.

Por último, Tereixa Paz salienta a boa acollida que tivo esta liña de axudas, postas en marcha polo BNG na pasada lexislatura dende a Consellaría do Medio Rural. Mostra diso é que no exercicio 2007 subvencionáronse 383 proxectos con 6,5 millóns de euros e no 2008 os expedientes ascenderon a 391 sendo o importe das axudas de 7,6 millóns de euros.

Exit mobile version