NOTA DE PRENSA
O CONSELLO LOCAL DO BNG REXEITA A OPCIÓN SELECCIONADA NO ESTUDIO INFORMATIVO DA AUTOVÍA DE CONEXIÓN ENTRE SAN CIBRAO E BARREIROS AO SEU PASO POR BURELA ELABORADO POLO MINISTERIO DE FOMENTO
O BNG de Burela considera que a mellor opción é a denominada alternativa A6 ou A7 que discorrería polo sur, alonxada da actual variante e por fora dos límites do concello.
En abril de 2006 (gobernando o PP en Burela) presentáronse alegacións apoiadas por todos os grupos da Corporación solicitando ao Ministerio de Fomento que o trazado da nova estrada pasase polo sur das instalacións existentes e respectando as previstas (polígono industrial e expansión urbanística ao oeste da variante).
Esta mesma solicitude foi reiterada polo actual goberno bipartito formado polo BNG e o PSOE en abril de 2008.
Unha vez coñecido o estudio informativo, e con el a opción que figura como seleccionada para a futura autovía ao seu paso por Burela, todo parece indicar que o Ministerio de Fomento non tivo en conta a opinión unánime das forzas políticas e sociais do noso concello.
A opción seleccionada, que discorre nunha boa parte en paralelo coa actual variante, de levarse a cabo supoñería un novo atranco ao desenvolvemento urbanístico e socioeconómico do territorio municipal, impedindo a súa expansión cara o sur e afectando gravemente a infraestruturas e servizos hoxe existentes.
En base a isto é polo que o BNG de Burela rexeita con toda contundencia a opción seleccionada no estudio informativo.
Este novo atranco consolidaría, xa sen remedio no futuro, o que supuxo de freo e barreira o trazado da actual variante de Burela, proxectada e construída na súa maior parte gobernando o PSOE no Estado e tendo Burela gobernos con maioría absoluta do PP que nada ou moi pouco fixeron para evitar a situación creada.
O BNG de Burela fará todos os esforzos necesarios e promoverá e apoiará iniciativas sociais e nas institucións onde temos representación para que a proposta final, unha vez rematado período de alegacións, sexa a alternativa sur que ven referenciada no estudio como Alternativa 6 ou 7 (IDH1.2 e IDH2.2). Unha alternativa que inclúe un vial de conexión da autovía con Burela que permitiría un uso axeitado e funcional da mesma para empresas e usuarios en xeral. Esta alternativa é ao noso entender a única que permitiría respectar as infraestruturas e servizos existentes, posibilitar novas instalacións e facilitar a expansión urbanística do concello.
Compre considerar ademais que esta alternativa, segundo consta no mesmo estudio informativo, é unha das que presenta maior funcionalidade e menor impacto ambiental e a que ten un menor custe económico nas expropiacións a realizar.
Burela non pode aceptar que por motivos de aforro económico curtopracista, nunha infraestrutura que é para moitos anos, se condicione o futuro a longo prazo ou para sempre do concello, un dos máis dinámicos e de maior poboación da Mariña.
Esperamos que todos, forzas políticas e sociais, esteamos a altura das circunstancias traballando con unidade, sen demagoxias e actuando con coherencia tanto no ámbito municipal como noutras institucións onde teñamos representación.
O que pasou coa variante é coñecido por todos e compre desterrar a visceralidade, as descualificacións e as incontinencias verbais e vociferantes que a algúns tanto lles gusta, en especial a algúns dos que gobernaron en Burela dende 1995 ata 2007 (12 anos) e non conseguiron modificar os deseños nin os prazos de execución das infraestruturas que pasan polo noso termo municipal.
Agora debemos poñer todo o empeño para que nesta ocasión consigamos entre todos o mellor para Burela.