Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo valora como “un evento máis que consolidado” a Festa do Percebe de Rinlo

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fixo esta mañá un balance moi positivo da Festa do Percebe que se celebrou o pasado sábado na parroquia ribadense de Rinlo.

O rexedor afirmou que “como alcalde de Ribadeo encóntrome cheo de satisfacción tralo éxito de participación, de público e de vendas que tivo a Festa do Percebe de Rinlo. Outro ano máis, podemos dicir que este evento xa está plenamente consolidado nas actividades lúdicas, turísticas e gastronómicas do verán aquí en Ribadeo e concretamente na parroquia de Rinlo”.

Suárez Barcia explicou que “se fixo un esforzo tamén por parte do Concello en canto á organización e ubicación dos aparcamentos para que todo o público tivera ben cubertas as súas necesidades. Os miles de persoas que estiveron ao longo de todo o día en Rinlo, dende logo deron boa conta de todos os kilos de percebes que había previsto que se venderan. Logo despois os restaurantes tamén colaboraron de maneira moi activa e foi un pracer ver a parroquia de Rinlo, esta parroquia pequeniña urbana que temos aquí en Ribadeo, como estivo ateigada de xente e cun ambiente magnífico. Dende logo, por parte do Concello de Ribadeo é toda unha satisfacción e agardamos que nos seguintes anos siga sendo un evento para defender un valor noso como é o percebe, unha calidade ligada a un pobo como é o de Rinlo”.

Exit mobile version