CERVO .- A nova rede de saneamento de San Cibrao contribuirá a solucionar gran parte das inundacións que se están a rexistrar puntualmente nalgunhas rúas desta localidade nestes últimos días de intensa choiva. Así o explicou o Alcalde de Cervo quen adiantou que as obras desta actuación comezarán a executarse no vindeiro mes de agosto despois de catro anos de demora.
Alfonso Villares lembra que o anterior Executivo autonómico do Partido Popular adxudicou a nova rede de saneamento para esta localidade en xullo de 2005. O Goberno da Xunta prevía entón investir 6,3 millóns de euros para unhas obras que deberan ter executado as empresas Sufi, S.A. y CRC Obras y Servicios. “De feito hoxe pode verse o cartel que anunciaba esta actuación situado ao carón do estaleiro de ribeira, xunto á área de xogos do parque Raíña Sofía de San Cibrao”. Magoa que tras a chegada do bipartito, a Xunta de PSOE e BNG decidiu rescindir este contrato e indemnizar á empresa con cerca de 400.000 euros. Finalmente as presións do Goberno municipal lograron que se iniciaran de novo todos os trámites, malia que supuxo un atraso na solución definitiva ás distintas problemáticas que se producen como consecuencia da obsolescencia da actual rede de saneamento.
A dificultade da rede actual para evacuar as augas de choiva provoca que en ocasións que se produzan inundacións en varios puntos de San Cibrao. De xeito especial esta problemática ten lugar cando coinciden dous fenómenos adversos: as intensas choivas e a marea alta que dificulta a tarefa dos desaugadoiros que actúan por gravidade. O Concello de Cervo consciente desta realidade traballa nunha dobre dirección: mobilizando o servizo de Protección Civil para evitar que as inundacións produzan danos e molestias maiores e, a nivel preventivo, procedendo á limpeza periódica da rede de saneamento de augas pluviais así como a extremar a vixilancia dos vertidos á rede dos edificios en construción. En todo caso, cando se dispoña do novo saneamento moi probablemente o acontecido nos últimos días serán episodios do pasado.