Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros considera que o paro na construción será arranxado pola Xunta

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, entende a intranquilidade de construtoras e sindicatos trala parálise que sofre o sector na Mariña e concretamente neste concello. O rexedor lembra que “a Xunta suspendeu no ano 2006 a normativa municipal e non se puideron conceder máis licencias e non só eso, senón que o anterior bipartito iniciou a revisión de todos os expedientes, de todas as licencias e durante dous e medio aproximadamente non deu solución ningunha a esto”. Fuente Parga recoñece que o bipartito “sí plantexou algúns convenios que nunca se chegaron a firmar, evidentemente porque non gustaban. A nós nos puxeron enriba da mesa convenios que non eran lóxicos nin eran convenientes para o noso concello e eu teño que defender os intereses do meu concello e nalgún momento cando o concello puxo algún punto neses convenios pois á Xunta non lle interesaba asinalo”.

O rexedor barreirense considera que “agora hai que pensar que o goberno do PP na Xunta leva desde que tomou posesión entorno a 70 días, entendo a urxencia que teñen algunhas das empresas para poderen rematar as súas construcións e desbloquear esta situación de parón urbanístico que hai en toda a A Mariña e concretamente en Barreiros. Teño que entendelo, como entendo tamén ós sindicatos que buscan un posto para os traballadores ós que representan. Hai que entendelo porque somos persoas e vemos o día a día da xente na calle e o que está pasando, pero tamén hai que entender quen creou esta situación”.

Carta ó conselleiro

Alfonso Fuente asegura que xa lle dirixiu unha carta ó conselleiro de Política Territorial pedíndolle que actuara neste concello “aquí se personou en Barreiros diante dos veciños e dixo que se ía solucionar este tema. Pero tamén digo que hai uns prazos legais e un tempo para buscar unha saída, unha solución sempre dentro da legalidade e non vaiamos facelo tan rápido que poidamos cometer ilegalidades ou irregularidades”.

O alcalde descoñece “si as medidas de presión as que falan APEC e os sindicatos son acertadas ou non, eles o terán que valorar, pero creo que non condicionarán nin ó goberno da Xunta nin ó Concello… estamos facendo todo o máis rápido que podemos tanto desde Barreiros como desde a Xunta, pero os prazos son os que son e hai prazos legais, e evidentemente ás veces son insalvables e hai que respectalos”. Alfonso Fuente entende que “debe de haber un consenso e nesa xuntanza entre APEC e sindicatos faltan outras dúas partes como son Concello de Barreiros e Xunta de Galicia e creo que temos que chegar a un acordo entre todas as partes e creo que todos estamos na liña de solucionar o problema. Non poden dicir o mesmo os que estaban no bipartito na Xunta, porque alguén que creou o problema despois resulta que eran os que tiñan a solución, non parece serio iniciar unha revisión e despois plantexar un convenio ou unha solución. O máis sinxelo para un goberno é non crear un problema para despois non ter que poñer a solución, eso é o máis sinxelo e o máis coherente, pero como xa pasou noutras ocasións o PP ten que arranxar os desaguisados doutros gobernos”.

Exit mobile version