Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros acusa á Deputación de paralizar as expropiación para a estrada de Cruz do Lobo a Reinante

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, acusa á Deputación Provincial de Lugo de paralizar as expropiacións dos terreos afectados pola construción da estrada que uniría a Cruz do Lobo con Reinante. O rexedor amósase sorprendido polas declaracións da vicepresidenta da Deputación, Lara Méndez, “cargando contra o alcalde de Barreiros, contra min, contra a miña persoa por estas obras que eu demandaba. Sorpréndeme e non me sorprende, porque a Deputación fai o que fixo a Xunta nos últimos catro anos que é culpar ós alcaldes e non facer nada”.

Fuente Parga dille a Lara Méndez “para que se informe que o proxecto que ela dice adxudicado por importe de 1.400.000 euros, está adxudicado a Construcciones Isidro Otero, e a propia Deputación, e quero matízalo ben, a propia Deputación enviou as cartas ós propietarios dos terreos para expropiarlles, e cando estes señores chegaron á Deputación paralizaron esas expropiacións. As expropiacións fainas a Deputación e non o Concello, polo tanto lle pido que se informe, que mire quen enviou as cartas para expropiar porque foi o departamento da propia Deputación ou ben por delegación da Xunta, pero quen tiña que expropiar era a Deputación, pero interesoulles paralizar ese proceso”. O alcalde barreirense insiste en que “esa obra vai, insisto, desde a Cruz do Lobo ata Reinante no término de Barreiros, que na Deputación lle queiran dar no nome de Trabada a Barreiros, que lle dean o nome que queiran, executen a obra porque está o proxecto aprobado, o único que falta é a adxudicación da obra e todo eso suma 4 millóns de euros. No momento no se aproba un proxecto, Sra.Méndez, hai que consignar partida presupostaria, cousa que estes señores no fixeron, e despois sacar a concurso e adxudicar a unha empresa”.

Alfonso Fuente engade que “si ben é certo que só hai un tramo adxudicado, os outros teñen o proxecto aprobado e polo tanto terían que ter consignación presupostaria e só faltaría que o sacaran a concurso para adxudicarllo a unha empresa. Ese é o proceso que hai seguir e senón o sabe hai técnicos na Deputación que a poden informar, por eso me sorprende ver estas declaracións. Que nos veñan a limpar unhas cunetas para decir que fan traballos en Barreiros, pois tamén invito a Lara Méndez a que sume todas as subvencións que lle concederon a este concello desde que eles están gobernando na Deputación e veremos que só nun ano o goberno de Francisco Cacharro nos deu máis subvencións que nos dous que levan eles na institución provincial. Hai que ser serios e non botarlle a culpa sempre ós alcaldes, informarse un pouco e o único que pido é algo de xustiza e que está aí, os proxectos foron redactados polos técnicos da Deputación e aprobados, non polo Concello”.

O alcalde rexeita as acusacións da vicepresidente da Deputación nas que aseguraba que Alfonso Fuente está a inflar as inversión pendentes en Barreiros. Fuente sinala que “cando di esta señora que se infla o presuposto, insisto en que o proxecto son catro fases. Unha é a que está adxudicada en 1.400.000 euros e as outras tres suman outros 3 millóns de euros. Unha adxudicada e tres sen adxudicar, pero cos proxectos aprobados e cos seus importes aprobados. Non inflo nada, só estou dicindo que a estrada que vai desde a Cruz do Lobo ata Reinante, aínda que o proxecto era ata Os Castros en Ribadeo, suma catro millóns de euros. Que colla os proxectos, que os mire e verá como lle saen as contas”.

Exit mobile version