Site icon Crónica3.com A Mariña

No centro de Dinamización de Burela impartíronse 45 horas de formación tecnolóxica en xullo

BURELA (FNC) .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en xullo co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas Novas Tecnoloxías en Burela. No mes que remata impartiu un total de 3 obradoiros tecnolóxicos e levou a cabo unha iniciativa. A través destas actividades formouse a 28 persoas e a súa duración estendeuse ao longo de 45 horas.
Os obradoiros impartidos este mes foron “Folla de Cálculo: Calc”, “Iniciación á Informática: Linux” e “Iniciación a Internet”. Tamén se levou a cabo gran parte da iniciativa “Memoria dos Oficios”, que rematará no vindeiro mes de setembro.
Asemade, 17 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que oferta a aula, que foi utilizada nun total de 542 ocasións.
En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Burela en xaneiro de 2008, foron xa 347 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 117 obradoiros nos que se formou a 654 participantes ao longo de 1.110 horas de formación gratuíta.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Burela, sito na Casa da Xuventude ou mandar un correo electrónico ao enderezo: roberto.burela@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

Exit mobile version