Site icon Crónica3.com A Mariña

Transferencias de hospitais e Consorcio de Bombeiros, asuntos a tratar entre Besteiro e Feijóo

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participará na reunión que está prevista que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, manteña o vindeiro luns, 3 de agosto, cos Presidentes das administracións provinciais galegas, e na que Gómez Besteiro lle plantexará as principais necesidades que ten a provincia.

Nembargantes, o titular provincial está á espera de poder reunirse exclusivamente co seu homólogo na administración autonómica para manter unha xuntanza a dúas bandas entre Deputación e Xunta para tratar asuntos que Gómez Besteiro considera de grande interese para a provincia e que nestes momentos están paralizados. É o caso da transferencia dos hospitais provinciais ó SERGAS e o consenso na cobertura da rede provincial de bombeiros ó 100% da provincia, tal e como desexa o Presidente.

O cambio de goberno na Xunta impediu que se cumprisen os prazos nestas dúas inciativas nas que a Deputación fixo os deberes, e que son considerados polo titular provincial como temas de máxima urxencia para a provincia de Lugo. Con respecto ó Consorcio, a Xunta de Galicia aínda non realizou a aportación económica que lle corresponda como membro do Consorcio e que ascende a 1.160.000 euros. Pola súa banda, a Deputación xa manifestou o compromiso político de garantir a cobertura contraincendios do 100% da provincia de Lugo. Neste senso, ámbolos dous organismos están pechando aspectos técnicos da orde do día do Pleno.

Precisamente, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisou este mércores, xunto co Conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, as obras do parque de bombeiros de Vilalba. Malia que a Deputación foi convocada por parte da Xunta con menos de media hora de antelación a esta visita, Méndez destacou que “a Deputación está hoxe aquí presente porque recibiu unha comunicación, e como non podía ser doutro xeito, a institución provincial quere e debe estar presente, xa que este tema é un dos eixos prioritarios deste equipo de goberno. Foi algo que o Presidente leva abandeirando desde hai 2 anos. A día de hoxe a rede provincial xa é unha realidade”.

Hospitais provinciais

No caso da transferencia dos hospitais provinciais de San José e San Rafael, o pasado mércores, 22 de xullo, o Presidente da Deputación remitiu unha carta á Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, para concretar prazos, xa que segundo asegura Gómez Besteiro no escrito enviado, “trátase dunha operación prioritaria e non hai motivo para retrasala, dado que as condicións do traspaso foran abordadas por unha comisión mixta integrada por representantes das dúas administracións, e na que se fixara o 1 de xullo como a data para materializar a transferencia”.

Gómez Besteiro tamén lle solicitará a Feijoo a súa colaboración en futuros proxectos nos que a administración autonómica pode ter un papel importante. É o caso do Plan Estratéxico e a potenciación do Camiño de Santiago ó seu paso pola provincia de Lugo. A Deputación anticipouse ó Xacobeo coa posta en marcha de Km0 a Compostela e agarda que a Xunta traballe no mesmo senso, xa que é unha oportunidade económica de primeira orde.

Exit mobile version