Site icon Crónica3.com A Mariña

Mil persoas solicitaron datos nos puntos de información turística de Ribadeo na fin de semana

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amósase satisfeito pola cantidade de turistas que estes días se achegaron ao concello.

O rexedor explicou que “afortunadamente, a pesares da crise, Ribadeo é destinatario de numerosas persoas, numerosas xentes de Galicia, do resto do Estado e de países estranxeiros que cada vez con maior intensidade, con maior afluencia están chegando á nosa vila. Para mostra un botón, debo dicir que esta fin de semana, unha vez consultadas as diferentes persoas que temos contratadas nos diferentes ámbitos da información turística, tanto na oficina de turismo de Ribadeo como no punto de información turística de As Catedrais, este punto que puxemos a funcionar hai poucos días, podemos dicir que nestas dúas ubicacións arredor de 1.000 persoas foron consultar diferente información turística e este dato non quere dicir que non houbera moitísimas máis tanto na praia de As Catedrais como no propio Ribadeo”.

Suárez Barcia destaca que “concretamente no punto de información turística de As Catedrais os visitantes valoraron moi ben, segundo me dicen as informadoras turísticas, a organización e todos estes folletos que temos en varias linguas acerca do que é a praia de As Catedrais, do que son as mareas, que moita xente descoñece que as mareas suben e baixan e moita xente de fóra ten unha concepción un tanto mediterránea da nosa costa”.

O alcalde engadiu que “tamén debemos valorar moi ben o feito de que cada vez están chegando máis turistas estranxeiros. Hai unha cuestión que é curiosa, veñen máis galegos dos que viñan, quizais por esto do turismo de cercanía, porque coa crise a xente cada vez se despraza menos recorrido e veñen moitos máis galegos dos que viñan ata o momento, pero tamén está vindo moita xente estranxeira, franceses, alemáns e italianos que era algo que non era tan habitual por estes lares. É algo que nos enche de satisfacción e que nos leva dende logo a seguir reforzando e intentar mellorar cada día máis porque queda moito por facer en materia de turismo aquí en Ribadeo. Pero con todo, con estes folletos que se editaron o ano pasado en varios idiomas, dende o punto de vista da vila de Ribadeo e das parroquias, e con este outro que editamos agora do que é a praia de As Catedrais, intentamos dar unha información, ademais, na lingua de preferencia do propio turista, en galego, en castelán, en inglés ou tamén en francés para que poidan estar cómodos neste noso concello de Ribadeo”.

Exit mobile version