MEIRA .- O día 1 de agosto, no precioso contorno do mosteiro de Meira, xuntaranse a tradición e a modernidade no festival “Expresións Espontáneas 2.0, organizada pola Asociación Cultural Eme de Meira. O público poderá gozar das novas tendencias musicais, de arte da imaxe. Esta é xa a segunda edición e cada ano alternan con diferentes identidades artísticas.
NOTA DE PRENSA
MEIRA CONVERTERASE POR UN DÍA NO EPICENTRO DA CULTURA URBANA LUCENSE E GALEGA
O 1 de agosto, rap, graffiti, djs, música electrónica, videoproxeccións farán do contorno do mosteiro de Meira, en Lugo, un lugar de encontro entre o rural e o urbano,
a tradición e a modernidade no Expresións Espontáneas 2.0
A Asociación Cultural Eme de Meira vén de organizar para o vindeiro sábado 1 de agosto un ambicioso festival dun día de duración no que se darán cita os músicos máis representativos a nivel galego e internacional do panorama do rap e da música electrónica. O evento en cuestión denomínase Expresións Espontáneas 2.0, xa que é a segunda vez que se organiza, alternando cada ano o estilo e identidade artística, xa que a anterior cita estivera adicada á pintura e a escultura, para poñer en valor cada ano un espazo natural ou arquitectónico meirego.
O programa lúdico e cultural Expresións Espontáneas 2.0, que se desenvolverá a partir das 16.00 horas e até a madrugada, traerá até Meira unha ampla e nova oferta musical, que deparará ao público actuacións de grupos de hip-hop, grafitti, Dj´s, rap e vj´s que realizarán videoproxeccións sobre os monumentos arquitectónicos con láser e novas tecnoloxías, un conxunto de novas fórmulas de expresión artística que transcenden a realidade da creación e xa se converteron en formas de cultura urbana que cada vez teñen máis arraigamento e contan con máis seguidores na sociedade.