Xoán Mariño, responsable de Mr. Misto Films explicaba que “este ano celebramos o lustro deste festival que non é fácil. Un proxecto que naceu dunha maneira modesta e que agora ten unha presencia moi importante na vila pero máis sorprendente é a que ten en todo o mundo. Chegáronnos 500 curtas, para poder participar, dos cinco continentes e de todo tipo de condicións, chegan dende principio de ano… ten unha presencia internacional importante que nos sorprende. É un proxecto pequeno que ten tanta difusión fóra que estamos moi orgullosos disto”.
Mariño comentou que “OFestivalON seguirá un pouco a tónica doutros anos. Hai unha sección oficial con traballos de índole internacional con moita calidade, e tamén pezas locais de xente de aquí. Vemos que se está producindo con moi bó nivel en Galicia e vemos que hai xente con ganas de traballar nisto, eso é moi importante. Ademais, seguimos un pouco na liña da creación con A toda mecha e se hai algo distintivo deste festival con respecto a outros da península, salvo en Las Palmas, é que non é moi normal que se produzan traballos no propio seo do festival, isto é o buque insignia do noso proxecto. Con A toda mecha, vanse grabar tres pelis, tres curtas, duas ficcións e un documental, e a partires de hoxe martes xa estará a xente na rúa con cámaras. Isto, como sabemos doutras edicións, anima moito, causa bastante colorido, e Ribadeo convértese nun pequeno plató. É moi interesante ver como se traballa detrás das cámaras, para o espectador e para o público en xeral que está agora de vacacións. É bastante atractivo ver como se fan as pelis, como se fai un casting, etc”.
O responsable da empresa audiovisual afirmou que “este ano son 30 persoas as que están grabando as súas curtas, xa empezan hoxe a funcionar. Esta sección o ano pasado moveu a case 200 persoas foi un volumen de traballo bastante grande. A acollida, ao reducir a sección a 30 persoas tamén pode variar. O ano pasado pasaron polo festival 2.000 persoas, que non é cousa fácil, e eu creo que como hai estas proxeccións ao aire libre nas que ás veces temos un público de paso, gáñase público. Ademáis diso, hai unha programación infantil bastante chula, entre o teatro programado polo Concello e a Caixiña dos mistos, caravana con proxeccións para nenos durante todo o día, e obradoiros, penso que teremos uns 3.000 espectadores este ano”.
Xoán Mariño sinalou que “o máis curioso é ver a unha persoa que coñecemos e que tratamos todos os días que de repente está nunha pantalla de proxección, nunha peli ben contada. Convértese dun día para outro nun actor, nun artista, é o grande que ten esta historia: poder traballar dunha maneira totalmente amateur, dar o paso de participar nunha historia contada dunha maneira audiovisual. Eu creo que é das cousas máis sorprendentes, de feito, nas sesións onde se proxecta con xente de aquí é así, o ano pasado no Cine Teatro tivemos que facer outra sesión porque se saturou de xente, é moi agradecido neste sentido. A socialización da xente amateur cos profesionais e despois poderse ver na pantalla do cine é un soño cumprido que está moi ben, e que é moi gratificante. É un elemento socializador, participativo, ó final non somos xente pasiva que sentamos nun cine. Con este evento facemos que o público participe tamén activamente”.