LUGO .- O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo deputado delegado do Consorcio de Bombeiros, Claudio Garrido, anunciou que a Deputación buscará “o despregamento do 100% dos parques de bombeiros da provincia, que realmente sexa unha rede provincial, defendendo que non hai cidadáns de primeira e de segunda, que tanto dereito ten un veciño de Folgoso do Caurel como de Lugo”. A Deputación buscará a cobertura contraincendios do total da provincia. Para garantizalo, Gómez Besteiro foi máis aló e anunciou que está disposto a incrementar o esforzo inversor que está a facer a Deputación, e que espera a mesma resposta do goberno autonómico.
Besteiro adiantou a posición e o compromiso político da Deputación neste asunto: “cando afrontemos a próxima reunión do Consorcio de Bombeiros coa Xunta de Galicia imos pedir o que estamos dispostos a dar. A rede provincial de parques de bombeiros é un compromiso caro, como o foi a UNED en Lugo, pero son cousas que non teñen prezo. Ou e prioritario para un ou non o é”.
Para o Presidente hai tres apostas da Deputación enriba da mesa nas que agarda un posicionamento da Xunta de Galicia:
1ª.- A inclusión do servizo asociado ó Concello de Lugo, aceptando o convenio de colaboración con este municipio para que éste poida asumir a cobertura de parte do territorio no centro da provincia.
2º.- A integración do Monforte na rede non máis alá de xaneiro do 2010 para dar cobertura á parte sur.
3ª.- Garantir a cobertura da Montaña lucense para que “ese eixo que vai de Pontenova a Folgoso do Caurel esté realmente cuberto. Os veciños non queren ocos nin espazos escuros. Podemos analizar tecnicamente esa parte do territorio para saber se ten que haber parque ou subparques, pero o compromiso ten que ser claro”.
O Presidente explicou cómo a actual Deputación tivo que resolver débedas históricas do pasado e cualificou de “cobardes políticos a aqueles responsables que, o foron e que xa non o son agora poque os veciños así o quixeron, porque… onde estaban as súas reivindicacións antes? E a defensa dos veciños? Onde estaban cando esta Deputación se negaba a entrar no consorcio provincial de bombeiros? Daquela estaban caladiños. A min se me ocurre un calificativo: cobardía política. Onde estaban os políticos cando o parque de Barreiros estaba sen funcionar, cando se discutía se o parque debía estar en Viveiro e Cervo? Por iso, estes vehículos que presentamos hoxe son importantes, porque son reais. Nós somos responsables a partir dunha data pero non antes”.
Pola contra, a día de hoxe as obras de Barreiros están a piques de rematar. “Fíxense vostedes, en Barreiros o parque de incendios non tiña nin traída de auga. Cando menos é ben curioso”, dixo. As obras do parque de Sarria e de Chantada están moi avanzadas, as de Vilalba están contratadas e as de Viveiro a punto de selo.
Novos vehículos para os parques
Gómez Besteiro fixo estas declaracións na presentación dos 5 mandos-todoterreo que serán empregados polos capataces dos parques de bombeios para chegar, no menor tempo posible, ó lugar do incendio. Os novos vehículos acaban de ser adquiridos pola Deputación por un valor de 175.000 euros. “Estes coches son realidade. Non son coches precisamente de xoguete, aínda que a algún lle parezan de xoguete”, afirmou Besteiro en resposta ás críticas da oposición.
Desde que se iniciou a posta en marcha da rede provincial de parques de bombeiros, que comezou co cambio de goberno na Deputación, o organismo provincial leva investidos 5.885.259 euros. A administración provincial xa mercou ou está a contratar 3 millóns de euros para dotación dos 5 parques. Ademais dos 5 vehículos presentados hoxe, hai que engadir 1 vehículo de rescate en altura (555.000 euros), catro coches urbanos lixeiros (978.149 euros), dous mixtos de extinción e rescate en altura (991.451 euros) e outros 236.000 euros en equipamento en xeral. A finalidade é que os Concellos teñan un equipamento moderno e de última xeración, polo que a flota do parque móbil é moi importante nas situacións de risco.