Ao longo da súa intervención, Antón Bao salientou que este proxecto, promovido pola Área de Cultura e Deporte da Deputación, tomou forma grazas á implicación das propias asociacións que instaron á Deputación de Lugo a deseñar e a pór en marcha un espazo dirixido principalmente a estas entidades dentro do website institucional. Logo disto, o nacionalista comentou que a navegación neste microespazo se realiza grazas a un mapa interactivo no que o usuario pode rastrexar as entidades culturais e deportivas existentes en cada unha das comarcas lucenses. Unha vez que se accede ao microsite da entidade en cuestión, o usuario ten ao seu dispor a información básica e as actividades desenvolvidas ao longo do ano pola asociación ou club, ademais dunha serie imaxes promocionais e os enderezos e teléfonos de contacto. Pese a que algúns dos espazos aínda están en construción, o vicepresidente da Deputación de Lugo salientou que polo de agora son máis de 40 as entidades culturais e deportivas que xa solicitaron a súa incursión nesta iniciativa. Con todo, o nacionalista agarda que o número de solicitudes incremente nos vindeiros días cando as asociacións e clubs analicen a documentación informativa que lles foi enviada hai tan só uns días.
Todas aquelas asociacións e/ou clubs que estean interesados en participar, de xeito totalmente gratuíto, neste innovador proxecto deben poñerse en contacto coa Área que Cultura e Deporte da Deputación de Lugo a través do seguinte enderezo electrónico asociacions@v1deputacionlugo.org ou no teléfono 982 260 262.