Comissom de História do Colectivo Cultural Buril
Desde o pasado 9 de Xullo, día no que o Buril facía pública a súa proposta para que se retirase o nome de Eijo Garay a unha das principais rúas da nosa vila, moito se ten falado sobre esta controvertida personaxe.
Primeiramente, desde o Colectivo Cultural Buril queremos agradecer o respecto e a cordialidade con que foi acollida esta proposta polas tres forzas políticas. Tamén queremos amosar a nosa perplexidade polo posicionamento público do que entendemos debería ser o cronista oficial de todos os burelaos e burelás, cualificando de “inxenua ocorrencia” o que foi en todo o momento unha proposta seria e responsábel, plantexada desde a rigorosa análise das fontes consultadas e tendo en conta a lexislación actualmente vixente.
Falando xa sobre o que é a figura do señor Eijo Garay, sorpréndenos como se valora por parte dalgún colectivo o tráfico de influencias do cal se valeu o bispo para “regalar” aos mariñeiros de Burela un porto de abrigo. Desde a Comissom de História do Buril, interpretamos que esta mediación non é suficiente como para agradecerlle ao relixioso a prosperidade con que avanzou o noso porto posteriormente, e cremos que o traballo diario que de xeito anónimo realizaron e realizan redeiras, peixeiras, mariñeiros… ten máis que ver co desenvolvemento do peirao que as xestións de Eijo Garay. Defender o contrario sería tanto como dedicarlle o acceso ao porto burelao aos políticos que intermediaron para a súa realización ou pórlle á Casa da Cultura o nome do político que promoveu a súa construción.
Tendo en conta todo o até agora dito, asumimos que sería discutíbel o recoñecemento social a Eijo Garay, porén, non podemos ficar nunha análise parcial da súa vida, pois obviar a súa traxectoria político-social sería faltar ao rigor histórico.
A Comissom de História do Buril non pode pasar por alto o destacado papel deste individuo xa desde os primeiros anos da II República Española, como aguillada do sistema educativo republicano, referente pedagóxico aínda nos nosos días e que Eijo Garay combateu desde a asociación “Cruzados de la Enseñanaza”.
Após o triunfo golpista do 36, o bispo ten deixado mostras evidentes dunha fiel adhesión ao réxime, tal como fica demostrado na súa presenza o 15 de Agosto de 1936 no izado da bandeira nacional fascista en Vigo, no paso de revista ás tropas que días antes tiñan asasinado a centenares de defensores da legalidade republicana vixente.
Posteriormente son moitas as manifestacións públicas nas que o prelado ten demostrado a súa fervente adhesión ao réxime franquista. O 25 de Novembro de 1936 declaraba: “Tengo fe ciega en el acierto del Generalísimo Franco, hombre deparado por Dios para la salvación de España, como vengo diciendo desde hace años”.
Xa estabilizado o Réxime e rematada a II Guerra Mundial, é destacábel o papel principal que Eijo Garay xogou ao facilitar a saída de criminais de guerra nazis cara a Sudamérica, tal como fica demostrado coa desclasificación dos arquivos do Ministerio de Asuntos Exteriores español.
Agardamos que con esta sintética achega biográfica, fiquen claros os parámetros nos que se moveu o C.C. Buril para solicitar a retirada do nome de Eijo Garay do noso rueiro.